Antía Veres é tradutora

Antía Veres: "Arundhati Roy relata de maneira brutal episodios e prácticas de discriminación e de machismo"

A India. 1969. Ammu abandona o seu marido, alcólico e maltratador, e marcha cos seus fillos xemelgos. Como muller divorciada, é vista como unha paria. Así arranca O deus das pequenas cousas (Kalandraka, 2021), novela coa que a escritora Arundhati Roy debuta en 1997. "Unha profunda e poética análise das raíces da India". Unha obra que agora ve luz en galego grazas ao labor da tradutora Antía Veres, a quen lle lanzamos unhas preguntas para saber máis sobre esta novela. 

A tradutora Antía Veres. (Foto: Cedida).
photo_camera A tradutora Antía Veres. (Foto: Cedida).

O deus das pequenas cousas é o debut literario da escritora india Arundhati Roy. Que destacaría desta novela?

Na propia publicación descríbese como «unha poderosa historia de historias», e penso que dá no albo. É poderosa porque consegue introducirte na vida dos personaxes e facer que sintas as súas mesmas emocións até o punto de estremecerte. E é unha historia de historias porque é imposíbel de resumir nun só fío argumental, xa que a autora nos leva duns acontecementos a outros e vai mudando de protagonistas para abrirnos unha xanela á complexa situación social dunha aldea de Kerala.

O libro mostra un colonialismo feroz e as desigualdades presentes na sociedade hindú. Considera que é unha boa forma de coñecer tamén a historia recente da India?

Totalmente. Na novela hai personaxes de distintas castas e relátanse de maneira brutal episodios e prácticas de discriminación e de machismo que resultan arrepiantes. Descríbense moi ben as diferenzas coas que afrontan a vida as persoas intocábeis e as tocábeis, ademais do problema do maltrato e a estigmatización das mulleres divorciadas. Isto mestúrase cun colonialismo que o impregna todo e que provoca un complexo de inferioridade fronte ao occidental (a xente emigrada que ao volver sente vergoña dos familiares; o pai que se desfai en atencións se hai presentes persoas inglesas; o indio que sente orgullo por casar cunha inglesa, como se implicase algún tipo de superioridade…). Tamén se trata o tema do turismo estranxeiro como un factor que contribúe á perda da tradición e que despreza e empobrece o que é de valor para a xente local.

Como definiría a escrita de Arundhati Roy? Gustaríalle traducir outras obras dela?  

Ten unha escrita exquisita e moi fresca. Encantoume a súa forma de enfiar as distintas historias e de xogar co léxico. Parte da historia cóntase desde o punto de vista de dous xemelgos fraternais de sete anos, e só podo sacar o sombreiro ante a mestría coa que a autora se coa na mente dunha crianza desa idade para reproducir os seus pensamentos e mesturalos con xogos de palabras e cancións infantís. 

Outro recurso que usa é a repetición de frases exactas en distintos momentos do libro para encadear sentimentos e acontecementos a través da evocación. 

Desde logo, a impresión que me causou esta novela non ten só que ver coas historias que nela se contan, senón tamén coas palabras e as estruturas que se escolleron para contalas. Dito isto, creo que queda claro que sería para min un pracer poder traducir The Ministry of Utmost Happiness, abofé!

A obra mostra unha linguaxe complexa, onde o malaialam se mestura co inglés. Neste sentido, foi un reto a tradución?

Si, tanto polo particular uso do léxico do que acabo de falar como polo feito de que estamos ante un escenario moi concreto: Kerala e a súa mestura do malaialam e o inglés, e o proceso de aprendizaxe do inglés por parte de dúas crianzas cuxa lingua materna é o malaialam. 

A autora dá conta da mestura idiomática da zona e decidiu deixar moitas palabras nesta e noutras linguas sen incluír notas nin explicacións directas acerca do seu significado; usa este recurso para criticar a colonización, somerxernos na súa cultura e chamar a atención do lectorado, a sabendas de que gran parte del será de fóra e non comprenderá o léxico de primeiras. Eu debín coidar ese uso reivindicativo da lingua e tratar de conseguir o mesmo efecto; por iso non empreguei notas nin explicacións, para respectar o criterio da autora.

Comentarios