Antía Castro, @sonantia en redes, céntrase na fotografía das paisaxes galegas

Antía Castro: "O meu obxectivo é chegar á miña xeración, non quero que a fotografía quede lonxe da xente nova"

A artista vende a través de Instagram as súas fotografías. (Foto: Cedida)
Antía Castro, fotógrafa galega, acaba de comezar a vender os seus traballos a través das redes sociais, principalmente Instagram, co obxectivo de chegar á mocidade Castro fai fotografías de todo tipo pero explica que as súas favoritas son as da paisaxe galega. A artista argumenta que na Galiza “temos moitos recunchos impresionantes dos que non nos decatamos” e engade que non é necesario viaxar lonxe para sacar boas fotos.

Avante Pouca

Vin que fai fotografías de todo tipo pero, que clase de traballos lle gustan máis?
Durante o Ciclo de Fotografía Artística na escola Mestre Mateo fixen traballos moi diversos, pero sempre me decantei pola fotografía de viaxe. Concretamente a paisaxe galega creo que ten moitas posibilidades. Encántame coller a cámara e descubrir novos sitios para fotografar. Teño unha serie de imaxes dunha viaxe que fixen este verán pola costa galega na que me centro principalmente no mar, que funciona como fío condutor do traballo. Sempre intento darlle unha certa continuidade ás coleccións de fotografías. Con todo, as miñas preferidas son as fotos de Santiago. Adoro Compostela. Gústame observar as persoas coas que me cruzo cando paseo pola zona vella e capturar coa miña cámara o momento exacto no que están nunha pose curiosa. Santiago é especial. Sempre aparecen elementos ou lugares novos e non importa cantas fotografías poida ter da cidade que aínda atopo máis para facer. Nunca son suficientes. 

Ten un blog e que se move moito por redes sociais para promover o seu traballo.
Si, son os principais medios nos que traballo. O meu obxectivo é chegar ás persoas da miña xeración. Non quero que a fotografía quede lonxe da xente nova. Por iso decidín moverme no entorno máis próximo a min. Busco que calquera persoa poida ter unha peza miña no seu salón en vez de aspirar a chegar a galerías de arte, que as vexo como lugares moi elitistas. Quero que a fotografía sexa unha arte máis habitual e que estea máis preto de nós, sen necesidade de ir lonxe ou de pagar moitos cartos para poder desfrutala. 

Avante Media 

Ademais, tamén está a vender os seus traballos. Que procedemento segue?
A partir das miñas publicacións en Instagram, as persoas interesadas elixen as imaxes que máis lles gustan e eu imprímoas en papel de alta calidade e envíoas asinadas. Penso que houbo unha moi boa acollida en relación á audiencia que teño. O problema é que á xente nova non lle adoita gustar o feito de pagar por arte, e iso é algo que quero cambiar. Penso que se debe concienciar de que é moito mellor mercarlle unha lámina a alguén que está comezando que recorrer a páxinas como Senior que as venden a un prezo superior. O malo de traballar por redes é que isto non se entende. O público dunha galería de arte  xa sabe ao que vai. En redes sociais hai de todo. Debemos entender que a fotografía é unha arte que se ten que pagar e que temos que recoñecer o traballo das fotógrafas, pois non se medra dun día para outro. Leva moito tempo.

Avante Toda

Como explicaría o panorama da fotografía galega actual?  
Penso que a fotografía paisaxística da Galiza é aínda un ámbito por explotar. Semella que o de fóra é sempre mellor cando no noso país temos moitísimos recunchos impresionantes dos que non nos decatamos. Penso que é moito máis interesante fotografar unha praia galega que quizais non está en Google que, por exemplo, a Torre Eiffel, que coñece todo o mundo e da que podemos atopar mil imaxes na internet. Sei de fotógrafos que se están a decatar disto e que están vindo á Galiza só sacar fotos pola cantidade de paisaxes diversas que temos. 

Plans de futuro? 
Por agora seguirei vendendo as miñas fotografías a primeira semana de cada mes. Se a iniciativa vai a máis estou pensando en crear unha páxina web para poder xestionar mellor os pedidos. O que teño claro é que non vou deixar de sacar fotos nin de formarme para acadar máis calidade nos meus traballos. Gustaríame que algún día alguén de fóra da Galiza puidese ter unha imaxe miña dalgunha das nosas paisaxes. Eu sempre estarei disposta a darlle unha foto a calquera que mo pida.