Antònia Font: "Hai programadores que non se atreven a contratar grupos que cantan en catalán"

De xira por Galiza aceptaron o convite de falar antes de presentar en directo o seu novo traballo Vostè és aquí. Agora sabemos algo máis da súa música, do seu público, do seu mundo desde Compostela.
Antònia Font nas Crechas
photo_camera Pau Debon e Joan Roca

Pau Debon e Joan Roca, voz e baixo do grupo catalán Antònia Font, tiveron a posibilidade de falar con parte do seu público na Casa das Crechas (Compostela) nun encontro promocional ben particular. Están de xira por Galiza para presentar Vostè és aquí, o seu sétimo traballo discográfico. Ano e medio após o Lamparetes, os Antònia Font reinventan o seu propio estilo con 40 cancións de curta duración, pezas que condensan historias entre minuto e medio e dous minutos. "Unha canción de Pop pode ter calquera duración", aclarou o cantante da formación mallorquina.

"O directo desta xira é difícil e diferente pola duración das cancións", admitiu Pau Debon no seu característico catalán de Mallorca, "por esta razón xuntamos tres ou catro temas seguidos para que o concerto tivera máis axilidade". O tema lingüístico foi o primeiro a tratar entre a vintena de privilexiad@s que asistiron á baiuca compostelá e por maioría pediuse que fose na lingua materna dos músicos. Como serán os concertos? O grupo mallorquín visitará Compostela (28 de febreiro), Vigo (1 de marzo) e A Coruña (2 de marzo) cun resumo da súa traxectoria "por se hai xente que veña a vernos por vez primeira" e traerá, por suposto, os temas do seu último traballo.

Vostè és aquí comezou a súa andaina en Vic no mes de setembro do ano pasado. Desde o seu nacemento en 1997 continúan fieis coa investigación de "novos espazos e dando forma a novas ideas que non se poden facer nun formato máis radiofónico", segundo afirmou Joan Roca. A traxectoria de Antònia Font foi sempre a máis. "En Taxi non sabiamos cara onde tirar e eliximos o camiño de procurar un pouco a nosa propia filosofía, non pensamos en se sería máis ou menos comercial", explicou o baixista.

"Desde Pink Floyd até música clásica ou jazz mais non temos unha tendencia clara, escollemos os elementos dos que gostamos"

A súa lingua

Cantar en catalán ten o seu prezo e os Antònia Font contan con experiencias singulares por dar a coñecer a súa música fóra dos Països Catalans. "A nosa fronteira é a catalano-falante", afirmou Joan Roca, "mais o tema lingüístico penso que é máis un problema dos políticos, non da xente que escoita música en moitos idiomas".

Recoñeceron que "para nós é algo máis complicado fóra de Catalunya" e mesmo explicaron unha anécdota ben significativa. "Estivemos en Murcia hai un mes e o promotor recoñeceu que tiña problemas para contratar un grupo que cantara en catalán", asegurou o baixista, "a frontera das linguas existe aínda que o público que asiste aos nosos concertos non ten eses prexuízos".

Cal pode ser a razón das dificultades e acceder a certas "prazas"? Para Pau Debon se falamos de programadores é que "non se atreven" aínda que recoñeceu certos cambios co tempo. "En Benicassim non había posibilidades de entrar se non cantabas en castelán e agora algo mudou".  

O seu público

"Valórasenos máis na península", admitiu Joan Roca, "a xente sabe que estamos mais non vai máis alá dunha relación natural". Dezaseis anos na estrada e na súa Mallorca tocan de dúas a cinco veces ao ano. Pouco? Ao falar das outras illas recoñeceron que depende dunha relación humana directa para poder actuar. "En Menorca algunha vez e a Eivissa algo menos, tamén en Formentera, hai menos tradición de concertos nas festas".

As súas influenzas

Joan Roca e Pau Debon admitiron que no grupo escoitan moita música. "Desde Pink Floyd até música clásica ou jazz mais non temos unha tendencia clara, escollemos os elementos dos que gostamos". Entre os músicos que admitiron como referentes "en certas épocas do grupo" figuran Kiko Veneno "sobre todo nas letras". Pau Debon escoita a letristas como Rosendo ou Quimi Portet e Joan Roca o jazz clásico dos 60' e grupos como Beirut. 

A súa discográfica

Os Antònia Font contan con discográfica propia, Robot Innocent Companyia Discogràfica, que estrearon co seu anterior álbum. "Se controlas todo o proceso, desde a gravación das cancións até a masterización, podes asegurar que ten o teu selo e a discográfica foi a última fase". Para Joan Roca o proceso "artesanal" de creación é imposíbel de realizar doutro xeito. "Tal e como está o negocio é mellor controlar todo".

O encontro rematou cunha peza en solitario de Pau Debon. Agora a música vai ser de todo o grupo. Aqui tedes, como mostra, o videoclip Per jo i tots es ciclistes, unha das cancións do seu último disco que sairá nos seus concertos por Galiza.

Comentarios