Cinco anos tras as pegadas de Castelao no Pico Sacro 

A Alba de Gloria sentirase de novo no cumio do Pico Sacro o vindeiro 18 de xullo.Será a quinta edición da convocatoria na que Galiza Cultura, a través das Asociacións Vagalumes e O Galo, rememora a peregrinaxe de 1925 na que participou Castelao. 

picosacro
photo_camera picosacro

Cando a ditadura de Primo de Rivera prohibía a conmemoración da festa nacional, en 1924, o Pico Sacro foi o destino dunha peregrinaxe que logo Castelao rememoraría no seu famoso discurso “Alba de Gloria”. Cúmprese agora a quinta edición da iniciativa que promove Galiza Cultura, a través das Asociacións Vagalumes e O Galo, pola que, cada ano, sóbese de novo ao cumio do monte onde se desenvolve unha lectura pública do texto nunha homenaxe e lembranza daquela data. 

Desta volta, será o día 18 de xullo a data na que, de novo, se ascenda ao Pico Sacro, como se ven facendo desde que o 2011, data do 125 aniversario de Castelao que, segundo a entidade promotora pasou “co total desprezo por parte da Xunta e demais institucións galegas”. 

O obxectivo é  “lembrar e retomar unha tradición que apesares das circunstancias conxunturais adversas porfía en alumear un futuro mellor, unha alba de gloria para Galiza e a súa cultura”    .

Ademais da lectura pública do “Alba de Gloria” desde o cumio do monte, “espazo simbólico no que a terra se fai espírito e que a cultura do noso pobo recubriu de significados ao longo dos séculos, din. Lembrarase tamén á xeración do Seminario de Estudos Galegos que estudou o lugar na súa vontade de coñecer o país que nacía do amor á propia terra. 

Para Castelao, o Pico Sacro era, segundo lembran na convocatoria “un lugar no que a resistencia do terreo a ser estepa, inspiraba a quen acreditaba en que o noso ser diferencial non ía ser borrado pola enxurrada reaccionario de entón”. As asociacións culturais do país, representadas en Galiza Cultura, regresan agora tras os pasos físicos e intelectuais do autor de Sempre en Galiza co fin de “lembrar e retomar unha tradición que apesares das circunstancias conxunturais adversas porfía en alumear un futuro mellor, unha alba de gloria para Galiza e a súa cultura”    .

Benvida de Calros Solla 

A xornada comezará por volta das 12:00 horas coa benvida a cargo do escritor e investigador Calros Solla, antes de comezar a subida ao cumio no que se izará a bandeira por parte de membros das asociacións culturais para logo proseguir coa lectura colectiva do Alba de Gloria. O acto rematará coa interpretación do Himno Galego co gaiteiro Raúl Galego, antes de iniciar a baixada ao Pico Sacro ao tempo que Yolanda Aldrey, da Asociación A Granxa do Pico Sacro, explica a lenda, historia e valor natural do monte. Ás 14:00 os cantautores Mini e Mero actuarán no adro da capela para despois iniciar o xantar de confraternidade na Casa Castro. Compre se anotar para o xantar http://www.gzcultura.org/

Pola tarde, con saída ás 16.15 da “Casa Castro” iniciarase un roteiro polas terras do Ulla que pasará por Ponteledesma, Donas e Codeso, visitando elementos do patrimonio artístico e natural. 
 

Comentarios