Os anos lucenses: Carvalho Calero e o colexio Fingoi

Ricardo Carvalho Calero exerce o seu labor docente no colexio Fingoi, en Lugo, até 1965. Nese pequeno templo o profesor procuraba o convívio entre familias, alumnado e profesorado mediante diversas actividades, como o teatro. Durante os anos lucenses, Carvalho Calero tórnase un habitual nos faladoiros que se organizan no café Méndez Núñez.
Carvalho Calero, rodeado de alumnado (Imaxe: Nós Diario).
photo_camera Carvalho Calero, rodeado de alumnado (Imaxe: Nós Diario).

Ferrol, cidade natal de Carvalho Calero e onde vive coa súa muller e as fillas de ambos a partir da súa saída do cárcere de Xaén en 1941, non lle ofrece máis que oportunidades laborais breves e pouco atractivas que só lles permiten unha mínima subsistencia. Por este motivo, o matrimonio comeza a pensar na posibilidade de trasladarse a outro lugar en que as perspectivas de futuro sexan mellores.

A súa esposa, María Ignacia Ramos, de orixe lucense, ten relación co empresario e humanista Antonio Fernández López, quen en 1950 pon en marcha un novidoso proxecto educativo na cidade de Lugo baixo o nome de Colexio Fingoi. Cara a alí se traslada toda a familia, no caso de Carvalho coa encomenda de ser o director do centro, aínda que non poida figurar oficialmente como tal debido ás restricións que lles impón o goberno franquista aos represaliados (nese momento continuaba en liberdade condicional).

No colexio Fingoi exercerá Calero o seu labor docente ata 1965, e durante eses quince anos será un lucense máis e participará activamente na vida social e cultural da cidade. Unha das máis importantes pegadas que deixou o ferrolán neste centro de ensino, aínda en activo, foi a organización de representacións teatrais nas que exercía como director, co alumnado aloxado no propio centro como actores e actrices.

Así, baixo os auspicios de don Ricardo realizábanse noitadas nas que se procuraba a convivencia dos pais cos alumnos e cos profesores; nelas chegáronse a representar escenas do teatro noh xaponés, pezas ou fragmentos de obras de Plauto, textos en francés, inglés e latín, obras clásicas e modernas... Mención especial cómpre facer da Farsa das zocas, baseada nun conto popular galego, obra do propio Carvalho; e a montaxe de "Pimpinela", un dos lances de Os vellos non deben de namorarse, de Castelao.

O colexio Fingoi tiña unha filosofía de traballo baseada nos principios da Institución Libre de Enseñanza, unha corrente nacida a finais do século XIX que defendía unha renovación pedagóxica sobre os principios da formación integral do alumnado nun contexto de neutralidade ideolóxica, tolerancia e respecto, algo inaudito naqueles tempos de ditadura. As clases de literatura de Carvalho incluían con frecuencia filmes e documentais, pezas de zarzuela e ópera...

Ademais, en Fingoi ofrecíanse bolsas para o profesorado; e por alí pasaron, entre outros, os profesores e escritores Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña e Arcadio L. Casanova.

Un lucense máis

A chegada a Lugo leva aparellada outra boa nova: en 1951 prodúcese a extinción da pena de cárcere á que fora condenado en 1939, polo que deixa de estar en liberdade condicional, e aínda que a efectos prácticos non representa un gran cambio na súa situación profesional, si supón un respiro e unha sensación de maior conforto persoal. Durante os anos lucenses, Carvalho Calero é unha das figuras habituais nos faladoiros que se organizan no café Méndez Núñez, onde acoden tamén persoeiros como Luís Pimentel, Celestino Fernández de la Vega, Ramón Cabanillas (durante as súas etapas de retiro no mosteiro de Samos), Ánxel Xohán, Ánxel Fole ou un mozo Manuel María.

Calero mantén as súas colaboracións con diversos medios de comunicación, e agora escribe tamén na revista Vida Gallega (con sede en Lugo) e no xornal Faro de Vigo. Ademais, moitos dos seus artigos académicos ven a luz en Cuadernos de Estudios Gallegos, a revista do Instituto Padre Sarmiento, do que chega a ser presidente en funcións malia non comungar cos seus principios ("era o que había...", confesa nunha entrevista cara ao final da súa vida).

A ansiada liberdade

A década de 1950 foi un punto de inflexión na vida de Carvalho Calero. E a primeira gran noticia neste período foi a concesión dun premio á súa obra A xente da Barreira. A editorial Bibliófilos Gallegos, creada en 1949, decide ese mesmo ano convocar un certame literario para premiar a mellor novela presentada, que podía estar escrita en galego ou castelán e debía tratar sobre algunha temática vinculada a Galicia.

Aínda que a previsión era que gañase un texto en castelán, nun tempo en que o galego estaba relegado en todos os ámbitos de uso dunha lingua, finalmente foi elixida a proposta de Calero, escrita en galego nunha demorada redacción ao longo da década de 1940. Esta foi unha das angueiras en que buscou refuxio durante aqueles os ferroláns de estreitezas e privacións. O galardón, cuxo ditame se dá a coñecer en 1950, levaba aparellada a edición da obra, de modo que se converteu na primeira novela publicada en galego desde a guerra civil. E en 1950 publícase tamén Anxo de terra, o regreso do autor á produción poética, que terá continuidade en 1952 coa publicación de Poemas pendurados dun cabelo e en 1961 con Salterio de Fingoi (en cuxo título se recolle a referencia ao lugar en que foi elaborado).

Aínda nese mesmo ano de 1950 tería lugar outro acontecemento importante na vida de Carvalho Calero: a fundación da editorial Galaxia, en cuxa posta en marcha tamén participa. Porén, a súa situación económica non lle permite formar parte do padroado da institución, polo que a súa presenza será só como apoio intelectual e mediante a achega de ideas para a consolidación do proxecto. E tamén a través da publicación dos seus traballos de investigación nesta editorial, como o clásico Sete poetas galegos, en 1955.

Durante a década de 1950 haberá tempo para outras boas novas, como a defensa da súa tese de doutoramento en 1954. O traballo levaba por título Aportaciones fundamentales a la literatura gallega contemporánea, e recibiu a cualificación de "sobresaliente, con dereito a premio extraordinario" por parte do tribunal madrileño que o avaliou. De feito, só un ano despois, en 1955, a tese de Calero vaise publicar baixo o título Aportaciones a la literatura gallega contemporánea na editorial Gredos.

Entrada na RAG

Antes da fin da década, en 1958, Ricardo Carvalho Calero pasa a formar parte da Real Academia Galega, e para o discurso de ingreso escolle o artigo "Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía de Castro", a figura literaria sobre a que realizou un labor máis profundo de investigación e crítica.

O acto tivo lugar na simbólica data do 17 de maio de 1958, que daquela aínda non era o Día das Letras Galegas (a primeira edición foi a de 1963, dedicada precisamente a Rosalía de Castro) e o encargado de responder o seu discurso foi don Ramón Otero Pedrayo, un dos que asinara a proposta de nomeamento de Carvalho Calero como membro da RAG e polo que o ferrolán sentía afervoada admiración.

Comentarios