A mostra 'Os nove anos de Fraguas en Lugo' chega a Becerreá

A exposición itinerante do Colectivo Egeria poderá visitarse no Instituto de Ensino Secundario da vila até o vindeiro 15 de novembro.
Colectivo Egeria Fraguas en Becerreá
photo_camera [Imaxe: Colectivo Egeria] Vista da mostra sobre Fraguas en Becerreá

A exposición itinerante Os nove anos de Fraguas en Lugo, do Colectivo Egeria, chega ao Instituto de Ensino Secundario de Becerreá. Inaugurada nun acto que contou coa presenza de Antón Bao, en representación do centro educativo, e de Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria.

A mostra estará no centro até o vindeiro día 15 de novembro, sexta-feira. O proxecto Fraguas en Lugo está composto polo libro Os nove anos de Fraguas en Lugo, que recolle textos dos promotores desta iniciativa e doutros amigos e antigos alumnos de Antonio Fraguas sobre os nove anos que este pasou na cidade das murallas e da profunda pegada que deixou na sociedade lucense; unha exposición itinerante, conformada por doce paneis nos que se resumen os contidos do libro, e que está a percorrer toda Galicia; e unha web que recolle todas os contidos da publicación en papel.

Unha mostra moi viaxeira

O proxecto Os nove anos de Fraguas en Lugo conta coa colaboración do Colectivo Egeria e de GaliciaDigital no desenvolvemento de todas as accións, e a exposición xa visitou Lugo (IES Lucus Augusti e Biblioteca Provincial), Compostela (IES Antonio Fraguas, IES Rosalía de Castro e Pazo de San Roque), A Estrada (Casa das Letras), Vilalba (Casa da Cultura), Ferrol (Ateneo Ferrolán), Guitiriz (IES Poeta Díaz Castro), Burela (IES Perdouro), Palas de Rei (Centro Comarcal da Ulloa), Monterroso (IES de Monterroso), Salamanca (Centro Galego) e Cotobade (Casa do Concello), e nas vindeiras semanas percorrerá aínda máis lugares da xeografía galega.

Comentarios