O 'Ano Carvalho' protagoniza o último boletín da RAG

O Boletín da Real Academia Galega recolle no seu último volume as achegas arredor da vida e da obra de Ricardo Carvalho Calero presentadas no simposio e no pleno extraordinario con motivo do Día das Letras Galegas 2020.
carvalho
photo_camera Ricardo Carvalho Calero na praza da Quintana, en Compostela. (Foto: Nós Diario)

O boletín nº381 da Real Academia Galega (RAG) xa está dispoñíbel en versión dixital no apartado de publicacións da súa web. Un volume que recolle as achegas arredor da vida e da obra de Carvalho Calero durante o ano no que se lle dedicaron as Letras Galegas.

A publicación deixa tamén constancia da despedida da académica Luz Poz Garza (1922-2020), cuxo figura glosan Salvador García-Bodaño e Olivia Rodríguez; e do académico Xosé Luís Franco Grande (1936-2020), ao que lle dá o adeus Ramón Lorenzo. Non se recolle aínda o pasamento do que fora presidente da institución, o historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, falecido o pasado mes de marzo.

As achegas dos relatores e relatoras do Simposio Ricardo Carvalho Calero, que decorreu o pasado mes de outubro na sede da RAG son as que fan a apertura do boletín, cun total dunha ducia de artigos correspondentes aos relatorios presentados nas catro xornadas do encontro.

A primeira parte deste recompilatorio intégrana o traballo de contextualización da figura de Ricardo Carvalho Calero no seu tempo a cargo do historiador Justo Beramendi e dos filólogos José-Martinho Montero Santalha e Carmen Blanco.

Dolores Vilavedra, Alberte Valverde e María Pilar García Negro participan no volume coas tres investigacións avanzadas no encontro arredor dos estudos sobre literatura de quen foi o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Pilar Pallarés, Laura Tato Fontaíña e Henrique Rabuñal profundan na súa creación literaria e Henrique Monteagudo, Serafín Alonso Pintos e Eduardo Maragoto abordan as súas ideas e achegas ao idioma.

A segunda parte do boletín reproduce as alocucións académicas pronunciadas por Margarita Ledo Andión, Ramón Villares Paz e Francisco Fernández Rei no pleno extraordinario do Día das Letras Galegas 2020, que tivo que adiarse até o 12 de decembro por mor da pandemia.

O volume tamén recolle un estudo de Xosé Manuel Vélez Latorre sobre a tradición bíblica na poesía do homenaxeado, con comentario de cinco poemas; e a proposta de reforma das Normas ortográficas e morfolóxicas da Real Academia Galega (1970-1971) presentada por Ricardo Carvalho Calero en 1979, cunha reconstrución dos antecedentes da mesma asinada polo académico Henrique Monteagudo.

Comentarios