Annie Bottle presenta o “Relaxing Ultranoite” en Teo a A Coruña

Para darlle unha volta á actualidade en clave de humor crítico, Chévere presenta “Relaxing Ultranoite”, en Teo os días 21, 27 e 28 e na Coruña o 4 e 5 de outubro. Con Annie Bottle encargada da promoción. 

Relaxing ultranoite
photo_camera Relaxing ultranoite

Que Ana Botella é un fenómeno cómico queda á vista no inmenso efecto que a súa intervención en Bos Aires está a ter da que non quedan á marxe os Chévere que botan man da personaxe para a súa nova Ultranoite que se celebrará no CSC da Ramallosa (Teo) os días 21, 27 e 28 de setembro e no Fórum Metropolitano da Coruña os días 4 e 5 de outubro. 

Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Xron, Mónica García, Arantza Villar, Iván Marcos, Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez, Manuel Cebrián, Cristina Novoa e Triateiros participarán no “Relexing Ultranoite” para responder con humor a unha realidade crítica e ao tempo cómica na súa clásica colectánea de “squeches” arredor da actualidade.  

“Galicia está que arde, pero o mundo segue cheo de comediantes e a Ultranoite non é allea nin á desesperación que provoca a terra queimada nin ao rebumbio mediático provocado pola aparición de novas estrelas no firmamento cómico internacional” explican da nova Ultranoite que protagonizará Anne Bottle, que está a “romper os límites do humor” e convida a asistir ao espectáculo no vídeo promocional.

Comentarios