CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Un 'anime' contra o acoso escolar e os prexuízos machistas

voz1
photo_camera Un fotograma do filme

UNHA VOZ SILENCIOSA
Koe no katachi
(Xapón 2016, 129 min.) 
Dirección: Naoko Yamada
Guión: Reiko Yoshida
Fotografía: Kazuya Takao
Música: Kensuke Ushio

SINOPSE
Unha estudante de primaria xorda comeza sufrir acoso escolar polos seus novos compañeiros de colexio. 

CRÍTICA

Alguén pode nomear cinco cineastas xaponesas? (grilos). E cinco directoras de anime? (un concerto de grilos). Mal que nos pese o estudo Ghibli, fundado polo mestre Miyazaki e gran impulsor do xénero anime no mundo enteiro, sempre estivo rodeado dun paradoxo difícil de entender: por que nunca houbo ningunha directora muller nos filmes producidos por Ghibli, se practicamente todos eles tiñan unha protagonista feminina? A princesa Mononoke, A viaxe de Chihiro, O meu veciño Totoro, Ponyo no acantilado, O conto da princesa Kaguya ou A lembranza de Marnie, por citar algúns exemplos. E non só iso, senón que (atención) durante décadas non se contrataron mulleres porque aducían que “os homes son mellores na fantasía”. Un muro patriarcal inxusto e inxustificado que pesou, e pesa, como unha lousa para milleiros de mulleres que tratan de triunfar no mundiño.

Agora que semella que o estudo Ghibli entrou nun parón indefinido, é a quenda doutras compañías de animación que permaneceron un pouco baixo a súa sombra pero que non tiñan unha política de contratación baseada en prexuízos machistas. É o caso do estudo Kyoto. A súa directora, Naoko Yamada, adapta o manga homónimo da xovencísima Yoshitoki Ōima, unha mangaka que logrou a súa primeira publicación cando non tiña nin 20 anos. Apenas podemos chegar imaxinar o que tivo que loitar para destacar nun mundiño tan hipersaturado como o da banda deseñada nipona (ver I am a Hero).

Unha voz silenciosa sitúase no xénero costumista do drama romántico adolescente. Unha nena xorda, Shoko Nishima, cambia de colexio e comeza sufrir acoso escolar. O maior instigador das brincadeiras sobre a nova compañeira é Shôya Ishida, o matón graciosiño do colexio. A cousa vai a máis ata que Nishima ten que cambiar novamente de centro. É entón cando Ishida comeza a recibir a súa propia menciña...

O interesante da historia non radica tanto no cambio de tornas senón na mirada frontal e sen concesión ao tema do acoso escolar. E ademais faino desde todas as perspectivas, tanto da vítima como das persoas que acosan e do entorno de ambas. Ademais engade unha profundidade abraiante, abraiante por tratarse de debuxos animados, ao ir un pouco máis aló no tratamento do acoso escolar ao equiparalo, de forma sutil pero crúa, coa violencia machista máis brutal. Isto conséguese grazas á colocación a un encadre buscado, os xestos das personaxes e certas metáforas visuais. Tremendas. Nótase que hai unha minuciosa planificación de planos que non ten nada que envexar os filmes de imaxe real. De feito, para acadar este realismo cinematográfico, contouse cun director de fotografía profesional, algo cada vez máis habitual no xénero de animación. 

Impecábel a nivel visual pero sen descoidar a narrativa, en especial na construción de carácteres. A historia contén varios xiros inesperados, e outros non tanto, aderezados por recorrentes flash-backs onde as personaxes van evolucionando de meros tópicos esbozados (o matón, a xorda, a irmá protectora, a falsa amiga, o profesor estrito, o amigo friki...) a ser entes complexos con personalidades diferenciadas e en constante sinerxía.

Melodrama puro e duro que non ten medo a tocar varios paus incómodos como o acoso escolar, a discapacidade, a depresión ou a ansiedade... Pero non todo son bágoas e mal rollo, tamén hai espazo para certas pingas de humor, ese humor naif que tan ben funciona neste tipo de relatos optando polo pragmatismo no enxalzamento da amizade, a capacidade de redención e a aceptación dun mesmo ...e dos demais. 
Altamente recomendábel para amantes do anime, das historias que aportan máis do que aparentan e para aqueles que pensan que “os homes son mellores na fantasía”.

Comentarios