A animación cinematográfica busca o seu público

O colectivo Coruña Gráfica e o Festival Animacción promoven unha exposición e varias actividades paralelas para dar visibilidade ao traballo no cinema de animación no panorama coruñés. A mostra pode visitarse desde esta quinta feira na Casa Museo Pablo Picasso da Coruña.
Parte da exposición Olladas da animación coruñesa, inaugurada na Casa Museo Picasso. (Foto: Coruña Gráfica)
photo_camera Parte da exposición Olladas da animación coruñesa, inaugurada na Casa Museo Picasso. (Foto: Coruña Gráfica)

O colectivo Coruña Gráfica, que agrupa diversas deseñadoras e deseñadores gráficos e debuxantes, e o Festival Animacción inauguraron esta quinta feira o ciclo "Olladas da animación coruñesa". 

Este certame, co que a profesión pretende impulsar un "achegamento" do público "ao panorama da animación", comezou na Casa Museo Pablo Picasso da Coruña. 

A programación permitirá a descuberta de diferentes propostas vencelladas ao cinema de animación mediante exposicións e outras actividades que decorrerán na cidade até o próximo 16 de febreiro. 

A propia organización destaca que a selección da que poderá gozar o público integra "diversos traballos de dirección artística realizados para diferentes tipos de producións, que van desde os videoclips até as longametraxes, pasando polos videoxogos" e as aplicacións móbiles (app).

En concreto, amosarán as súas pezas de stop motion, 2D e 3D creadoras e creadores como Laura Blanco e Juan Carlos Pena; Miguelanxo Prado;  Iria Cabrera; David Fidalgo; Alberto Taracido; Virginia Curiá e Tomás Conde (Algarabía); José Domingo; Manel Cráneo e Urban Breznik, entre outros.

Accións para interactuar co público infantil e adulto

A inauguración da mostra aproveitouse para a entrega de premios dun concurso infantil de carteis promovido polo Festival Animacción, se ben non esas achegas artísticas non quedarán no olvido pois terán a súa propia exposición. 

Por outra parte, dentro da axenda de "Olladas da animación coruñesa" está previsto que se poñan en marcha distintos obradoiros. Por exemplo, este sábado 18 o colectivo Ánimas Anónimas ensinará a facer "xoguetes pre-cinematográficos" a un público a partir dos 16 anos.

Comentarios