Animación galega, xeración perdida

Tras unha etapa de esplendor, o sector da animación agoniza marcado pola falta de apoio institucional e a migración de talentos fóra do país.

Tras un sexenio máxico no que a animación se converteu na marca internacional do audiovisual galego, con cuantiosos beneficios nas salas e premios nos máis recoñecidos certames mundiais, o sector derrúbase, á beira das lindes do esquecemento. Os recortes na cultura, a falta de apoio institucional e dunha política clara para o audiovisual son as claves para entender a migración masiva de técnicos galegos cun recoñecemento que supera, con creces, as fronteiras nacionais.

Tras a desaparición da histórica Dryga, da que naceran xoias coma O bosque animado e a saída a concurso de Continental e Bren, o selo de animación de Filmax na Galiza, o sector tenta sobrevivir, adoecido pola falta de proxectos e apostas en firme. Artefacto, Perro Verde, Limaia, Abano e Otiiplanet son só algúns dos nomes das produtoras que capean a treboada, tentando esquivar o naufraxio.

Fernando Cortizo, multipremiado director de O Apóstolo e fundador de Artefacto Producións, lamenta que “despois de seis anos de esplendor, se permita que tantos talentos saian do país” e matiza que “a crise da animación non radica soamente nunha cuestión de fondos, senón na falta dun apoio institucional que non mantivo a intención de avalar o sector”. Con el coincide Alfonso Pato, director do Festival de Cans que denuncia o esforzo realizado para converter a animación galega nun sector punteiro dentro da industria cinematográfica internacional. “Toda a bagaxe e o investido en formar as novas xeracións, xa que a animación ten moito de investigación, vaise diluíndo coa saída duns técnicos cunha formación privilexiada; cando o goberno reaccione, terase que partir de cero”, reflexiona.

Fernando Cortizo, director de O Apóstolo, lamenta que “despois de seis anos de esplendor, se permita que tantos talentos saian do país”

Nesta mesma liña, Chelo Loureiro, antiga directora de Continental e, a día de hoxe, o leme de Abano Producións, reivindica unha “política seria e comprometida para o audiovisual galego”. Observa que “a  Xunta debería de ter unha definición clara do que quere facer cunha industria tan nova como é a do cine na Galiza” e confesa, ademais, as esperanzas que lle inspira o novo xerente do AGADIC, Jacobo Sutil, malia ser un personaxe absolutamente alleo ao mundo da cultura. “Agardo que non esnaquice o conseguido nos derradeiros anos, dado que foron necesarios cinco meses para materializar a súa elección”, opina. Tamén mantén as súas expectativas Manuel Cristóbal de Perro Verde Producións, quen lamenta que, após o enorme suceso de Enrugas, a administración galega se resistise apoiar o seguinte proxecto da produtora que preside. 

Festivais galegos, un traballo de voluntariado

Segundo Fernando Cortizo, “manter os festivais de animación, non exixe un grande esforzo para a administración”, namentres contribúen para a cultura galega ao seren “a única vía de que os novos talentos se dean a coñecer”. Porén, tal e como precisa Chelo Loureiro, se os festivais sobreviven na Galiza é por mor dun “auténtico traballo vocacional e de voluntariado”.

O festival de Cans, que este ano celebra o seu décimo aniversario, integrou dende os seus albores unha sección adicada á animación. Afirma o seu director, Alfonso Pato, que, tras os primeiros visionados, pode garantir que esta nova edición contará cun “alto nivel” no que respecta ás curtas animadas. No entanto, chama a atención sobre o feito de que, para manter viva a sección, houbo que permitir participar non só ás producións galegas, senón tamén aos traballos de galeg@s que residen fóra do país. “É paradoxal que, para coñecermos a existencia dest@s nos@s compatriotas, tivesen que saír da Galiza para que o seu traballo sexa recoñecido”, lamenta. Doutra banda, destaca o fenómeno en alza d@s animadores “francotiradores”, freelance no argot do sector, como alternativa ao traballo das produtoras que, segundo Pato, procuran outras vías de financiamento máis instantáneas do que a animación, que “exixe un longo proceso de produción”.

Outros certames procuraron, doutra banda, converter Galiza nun punto de encontro de películas animadas a nivel mundial, coma é o caso de Animacam. Dende Limaia, Xosé Lois Carneiro, director do festival internacional de curtas de animación, fai fincapé no “risco persoal” que carrexa manter en pé un certame sen ningún tipo de axuda pública e no que, os patrocinadores privados, só cobren os custos dos premios. Con todo destaca como, nesta quinta edición e por mor da gravidade da situación económica, “os participantes entregáronse máis ca nunca con máis de 300 propostas chegadas dos cinco continentes”, contando con proxectos coma Head Over Hill de Timothy Reckar que logrou unha candidatura aos premios Óscar. Amais dos habituais votos dos internautas para seleccionar o mellor director, o Animacam integrou nesta nova edición unha presenza física, onde os asistentes ao MACUF da Coruña puideron elixir a mellor película.

O boicot das majors americanas

Conta Fernando Cortizo que, na véspera do estreo de O Apóstolo, programado en 80 salas de todo o estado español, “avisáronos de que finalmente só se exhibiría en 23 por falta de espazo”. Deste xeito, o primeiro filme europeo que usaba a técnica de animación en stop motion estereoscópico, ficaba fóra das carteleiras de cidades claves coma  Barcelona, Bilbo ou Sevilla e, no caso de Madrid, limitábase a súa presenza aos arrabaldes. “As majors americanos boicoteáronos nas salas por non irmos avalados por unha multinacional”, denuncia Cortizo, “polo que os resultados das billeteiras foron moi maos”.

Neste senso, Chelo Loureiro manifesta que “o estado debería protexer a produción audiovisual propia”, tal e como sucede noutros países como Francia e Alemaña. “A cultura é un ben universal que, como a educación e a sanidade, está ao servizo da cidadanía e, como tal, debería ser protexida polas administracións”, declara a directora de Abano Producións. Convencida de que “tras Cataluña e Madrid, Galiza é a comunidade autónoma na que os técnicos do audiovisual están mellor formados a todos os niveis”, a produtora chama a combater “esta apatía política”. Tal e como salienta Cortizo, “o audiovisual, en xeral, e a animación, en particular, xa fai parte da nosa cultura como galeg@s é, como algo que nos pertence, temos de protexelos”.

Comentarios