Angoulême crea o premio Charlie á liberdade de expresión

O día 29 bota a andar a 42 edición do Festival de Angoulême, unha das principais citas mundiais dedicadas á banda deseñada, e este ano vai ter un protagonista: o semanario Charlie Hebdo. A imaxe da revista francesa desbancará o propio cartaz dun festival que creará o premio Charlie á liberdade de expresión. 

Capa Charlie Hebdo
photo_camera Capa Charlie Hebdo

A nova edición do Festival de Angoulême, encontro de referencia mundial do mundo da banda deseñada, terá un protagonista de excepción, o semanario francés Charlie Hebdo e, de maneira especial, os debuxantes Cabu, Wolinski, Charb, Tignous e Honoré, asasinados no atentado de París. Na súa memoria, o festival creou nesta nova edición o premio “Charlie da liberdade de expresión”. O propio Wolinski, unha das vítimas mortais, recibira en 2005 o Grande Premio de  Angoulême

O premio “Charlie da liberdade de expresión” recoñecerá o labor dun deseñador de prensa ou banda deseñada que se atopara no seu oficio con atrancos a súa liberdade de expresión. A nova edición do festival, con carácter de urxencia, quixo acoller no seu programa o atentado ao xornal e, desta maneira inclúense mesas redondas sobre a liberdade de imprensa, mostras das capas do semanario e concursos sobre a obra dos creadores mortos ademais dunha cerimónia de homenaxe no peche do encontro. 

Comentarios