Entrevista

Ángeles Abellaira: "Pretendemos pór en valor as pequenas cousas do cotián que nos acaban configurando"

O latexo dunha aula infantil recolle a experiencia educativa das irmás Abellaira
As irmás Isabel e Ángeles Abellaria dedícanse á educación desde hai máis de 30 anos.
photo_camera As irmás Isabel e Ángeles Abellaria dedícanse á educación desde hai máis de 30 anos.

Após Os fíos de infantil, as irmás Isabel e Ángeles Abellaira asinan O latexo dunha aula infantil, un libro que recompila a súa experiencia traballando no eido educativo coa idea de facilitar o labor das xeracións de mestras que veñen detrás. Ángeles responde as nosas preguntas.

O libro funciona como segunda parte d'Os fíos de infantil?

Aínda que non o pretende, por suposto que hai unha continuidade, porque somos nós e do que estamos a falar é das nosas experiencias de aulas. En dous anos non cambias de proposta nin de ideario. 

Na obra propóñense un eixes temáticos fundamentais nesa etapa educativa. Cales son?

No libro anterior mencionabamos 20 constantes que cremos que deben estar presentes nas aulas de infantil. Fixémolo porque consideramos que se están a introducir unha serie de extravagancias na infancia que non son temas propios da idade nin dos intereses das crianzas. Estes dous libros veñen a ser unha alegación a favor de devolver aos nenos e as nenas o que é de seu. Entendemos as constantes, como diciamos no anterior traballo, desde a metáfora dunha tecedora que facía mantas e, aínda que empregaba sempre os mesmos fíos, unhas veces afloraban máis manchas dunha cor e outras doutra, pero sempre estaban as mesmas cousas presentes. Iso referíase a como nós concibimos o contacto coa natureza, manifestar agradecementos a outras persoas, ser capaces de expresar sentimentos... Dito isto, co que moita xente concorda, non somos capaces de entender que se introduzan proxectos sobre xenómica ou dinosauros cando, mentres tanto, moitas das rapazas non saben nin quen son, nin como son, que gostan de facer na familia... O subtítulo do libro é "eloxio do cotián", pois o que pretendemos é por en valor esas pequenas cousas do día a día que finalmente son as que acaban configurando a nosa maneira de ser como persoas. A iso dedicamos o libro, seguindo uns eixes temáticos, para que as crianzas descubran quen son e como son, a que persoas queren, a onde van... Dicía miña irmá o outro día que lle escoitou a alguén: "ai, iso está anticuado". Se non ensinamos iso, non imos a ningunha parte.

Vincular o cotián coa escola é case como unha maneira de humanizala, non?

En efecto. Porque cada día as crianzas están máis desvinculadas. Nós vemos como a súa bagaxe se vai configurando coa intervención das series de televisión, das actividades extraescolares... Pouco a pouco vanse distanciando máis do que as fai humanas, do que as fai cidadás, persoas e membros dunha familia. 

E artéllano en forma de latexos, que son como anacos de experiencia.

Si. Podiamos telo escrito como un diario, pero parecíanos mellor así porque o noso obxectivo fundamental é achegar a nosa experiencia ás persoas que se están a iniciar na profesión. Miña irmá e mais eu levamos 30 anos traballando en distintas áreas da educación. O noso propósito non é outro que facilitarlle as cousas ás que veñen detrás e resultábanos máis comprensíbel estruturalo neses eixes, onde presentamos secuencias didácticas ou actividades que desenvolvemos nas nosas aulas.

Algún consello para estes días de reclusión?  

Eu quero ver estas cousas sempre en positivo, creo que é a única maneira que nos pode sacar para adiante. Cando foi a crise de 2011 vías as familias nun contexto vulnerábel e de risco, mesmo que perderan o emprego, e eu dicíalles que a vantaxe era que podían pasar máis tempo coas fillas, partillar a hora do xantar, recuperar esa vida familiar que en aras da presa que levamos decote estamos a perder. Sempre hai moito que falar, que transmitir. Agora, non me queda outra que dicir o mesmo: hai que aproveitar para estar xuntas. Coas miñas nenas, antes de marchar, fixemos unha planificación de cousas que debían e non debían facer coas familias estes días. Propoñiamos xogos de palabras, actividades para enredar con materiais de refugallo, prácticas artísticas, xogos que non requiren de espazos grandes ou ler (o que recomendo tamén ás persoas adultas). Sobre todo, nestes días é importante dar ás crianzas un plan e unha rutina.

Comentarios