O compositor Andrés Rodríguez, finalista do concurso de Óscar Navarro

Andrés Rodríguez: "Miña nai sempre escoitou as miñas composicións e deume o punto de vista máis popular"

Con tan só 20 anos, o compositor ourensán Andrés Rodríguez agarda con moitos nervios o resultado do Concurso Internacional de Novos Talentos de Composición da fundación Óscar Navarro, onde é un dos dez finalistas. En conversa con 'Nós Diario' comenta como nace a súa  inquietude pola música académica.
Andrés Rodríguez (Foto: cedida)
photo_camera O compositor galego Andrés Rodríguez. (Foto: cedida)

O pasado día 30 de abril Andrés Rodríguez (Ourense, 2001) fixo tan só 20 anos e un dos seus amigos felicitábao cun "En hora boa! Algo moi raro de dicir polo aniversario", comenta o ourensán en conversa con Nós Diario. Mais resulta que os parabéns non eran polo seu aniversario, senón pola nova que se acaba de publicar nas redes socias: Rodríguez era anunciado como un dos dez finalistas do Concurso Internacional de Novos Talentos de Composición, un certame de gran prestixio mundial realizado pola fundación do célebre compositor Óscar Navarro. Neste concurso "buscamos o mozo compositor con máis proxección de futuro e con máis posibilidades de desenvolver unha carreira musical como compositor", aseguran desde as súas bases. 

"De primeiras pensei que era unha broma polo meu aniversario, xamais imaxinei que podería chegar a ser finalista porque presentáronse máis de 200 persoas de entre 18 e 39 anos de todas as partes do mundo e eu levo moi poucos anos compondo e sempre de forma autodidacta", explica Rodríguez. 

De cuestionarse deixalo até ser un profesional

A súa inquietude pola música vén desde moi cativo. "Meu pai, que é clarinetista afeccionado, ten unha gran colección de música académica e doutros estilos, polo que medrei rodeado de música de calidade", conta. Aos oito anos, Rodríguez comeza a estudar linguaxe musical e escolle tamén o clarinete como instrumento a tocar. "Ao principio resultábame complicado porque había conceptos que non entendía e mesmo houbo momentos nos que me cuestionei seriamente deixalo. Pero aos 14 ou 15 anos foi cando comezou a chamarme máis á atención, empecei a investigar pola miña conta sobre a composición e fun evolucionando até o día de hoxe, no que estou a estudar o Grao Superior de Clarinete na Universidade das Artes de Folkwang, na vila xermana de Werden", relata o clarinetista ao xornal.

A súa formación autodidacta como compositor, que espera poder ampliar oficialmente cando remate o grao superior de clarinete, viuse completada grazas á axuda de moitas persoas, "especialmente de Xabier Oliveira, director da Lira de Ribadavia e de Juan Álvarez, clarinetista da banda. Oliveira repercutiume a nivel teórico, xa que me aconsellaba sobre que instrumentos deberían levar certas melodías e formas nas que poder plasmar as miñas ideas nas composicións. Álvarez foi máis a nivel psicolóxico e emocional, xa que expor unha obra é como mostrar ante 30.000 persoas o teu bebé e agardar as críticas que se poidan facer sobre el", salienta Rodríguez. 

Ademais, tamén destaca  o papel que a súa familia e os seus amigos tiveron nesa evolución musical. "Miña nai, pese a non ter as nocións musicais de meu pai, sempre escoitou as miñas composicións e deume o seu punto de vista máis popular, o cal tamén foi moi importante para min", resalta. 

Todo isto levouno a presentarse a diversos certames como os da Federación Galega de Bandas de Música Populares, no que gañou o primeiro premio en 2019 coa súa obra para sección xuvenil Os fillos de Mil. Tamén participou no Concurso Internacional de Novos Compositores "New Classic"  do Conservatorio de Moscova (Rusia), onde quedou entre os 10 finalistas. 

Ademais dos certames, Rodríguez traballa de forma profesional como compositor facendo encargos como, por exemplo, para a formación suíza Kreuzligen Youth Wind Band. "Pedíronme que, para o seu 150 aniversario, compuxese parte do novo repertorio que queren interpretar", sinala o clarinetista. 

Entendendo que grandes compositores académicos como Igor Stravinsky "non alcanzaron o seu estilo propio até os 80 anos, é moi complicado crear un con 20", por iso Rodríguez sostén que non ten un estilo de seu e que anda traballando niso. 

Obra para banda sinfónica sobre a mitoloxía nórdica 

A obra para banda sinfónica que presentou ao certame da fundación Óscar Navarro, que realizará a gala final o próximo día 4 de xuño, trátase dun poema sinfónico titulado "Ragnarök". "Está baseado na mitoloxía nórdica, sobre a batalla da fin do mundo onde os deuses son derrotados polos demos", explica.

De cara a ese día, onde o xurado retransmitirá vía Internet o resultado final, Andrés Rodríguez espera "poder gañar, pero de non facelo está claro que será porque alguén fixo algo mellor que min ou traballaría máis. Fico coa esperanza de que polo menos a peza transmita algo ao xurado", apunta. Cos nervios a flor de pel e agardando o resultado final, o compositor ourensán traballa intensamente para seguir mellorando na súa música.

Talento máis traballo, igual a éxito

Andrés Rodríguez  forma parte como clarinetista da Banda de Música A Lira de Ribadavia. O seu director, Xabier Oliveira, comenta en conversa con Nós Diario as aptitudes do músico e compositor. "O único que podo dicir é que é puro talento o que fai e aínda por riba é súper traballador e responsábel; co cal, talento mais traballo, igual a éxito", destaca Oliveira. 

Pola súa banda, o presidente da directiva da Lira, e tamén clarinetista da banda, Juan Álvarez, resalta que "desde que entrou na formación 'rompinlle a cabeza' nos ensaios de madeira e até o de agora mostrou unha evolución incríbel como músico", comenta ao xornal. Ademais, salienta o feito de que Rodríguez  "aprenda de maneira autodidacta composición", xa que non pode compaxinar a súa formación oficial de clarinete coa de composición.

Comentarios