Andrés Lamigueiro é presidente de “Amigos do Samaín”

Andrés Lamigueiro: "Queríamos dar nome e popularizar algo que xa existía na Galiza desde hai tempo"

A asociación Amigos do Samaín de Cedeira xurdiu co obxectivo de organizar o Samaín na concello, ao tempo que preservar as tradicións vencelladas co tempo de defuntos. Naceu da colaboración dos colectivos Chirlateira e Garola, está formada por un grupo de amigos que se reúnen para planificar e levar a cabo distintas actividades, como o tradicional baleirado e tallado de cabazas. O seu presidente é Andrés Lamigueiro, "Lami".
Amigos do Samaín segue a celebrar as tradicións galegas no concello de Cedeira. (Foto: Nós Diario) #lamigueiro #samaín #cedeira
photo_camera Amigos do Samaín segue a celebrar as tradicións galegas no concello de Cedeira. (Foto: Nós Diario)

Como xurdiu Amigos do Samaín?

Nun principio, a festa do Samaín en Cedeira iniciouna Chirlateira, a asociación na que estaba Rafael Loureiro. Pouco despois comezou a colaborar tamén a asociación Garola, outro colectivo cultural que se dedicaba á difusión do teatro. Co paso dos anos, decidiuse confeccionar unha asociación nova entre os membros de Chirlateira e os de Garola que organizaban a festa, para que se dedicasen unicamente ao Samaín. Pódese dicir que a asociación Amigos do Samaín naceu da colaboración entre estas dúas primeiras asociacións. 

Cantas persoas forman parte da asociación na actualidade?

Agora mesmo somos moi pouquiños. Somos un grupo de amigos que só nos xuntamos como asociación para organizar o Samaín. Case non temos gastos nin tampouco ingresos. Xa temos bastante claro e definido o esquema da festa, porque a estrutura principal sempre é a mesma. 

As que máis poden cambiar son as actuacións que dependen do Concello: monicreques, maxia, espectáculos para crianzas... Tamén dependemos un pouco da xente que poida colaborar cada ano. Ao longo desta fin de semana imos levar a cabo varios obradoiros para todo o mundo.

Como lle afectou á asociación a pandemia e as medidas de confinamento que se implantaron?

Moito máis do que te podes imaxinar. Tanto á asociación como colectivo, como a nós mesmos. Tres das persoas que máis importancia tiñan na organización do Samaín de Cedeira faleceron durante este tempo de pandemia. 

Unha delas era quen tiña todo organizado na súa cabeza, e era quen estaba pendente de que todo saíse ben e de que todos fixésemos ben as tarefas que tiñamos encomendadas. Outra era a que se encargaba de levar ao día as contas da festa e da asociación. E o último era o encargado da decoración e de pintar os distintos murais en papel que decoraban a vila nestas datas. Foron perdas moi duras, no íntimo e no social.

Que acollida ten a asociación entre a veciñanza?

Para que te fagas unha idea, nada máis rematar o verán, xa hai moita xente que nos pregunta cando se vai facer o Samaín. A acollida en Cedeira sempre foi moi boa. Nun principio, a nivel institucional, tivemos certos problemas cos Gobernos locais, tanto a nivel loxístico como económico. Non foi sinxelo facer entender que nos tamén eramos cultura. Non en tanto, xa hai uns anos que o concello, estea en mans do partido que estea, apoia e dá o pulo necesario para que poidamos seguir a celebrar o Samaín do mellor xeito posíbel.

Despois de todos estes anos, que importancia ten que Amigos do Samaín siga a traballar por manter vixente e na memoria unha festividade como o Samaín, no canto de apostar por unha celebración estadounidense como o Halloween?  

Esta asociación naceu como contraposición ao Halloween. O que nunca quixemos é que unhas tradicións que levaban arraigadas na Galiza desde sesenta anos antes a 1990, como o tallado e o alumeado das cabazas, fosen substituídas polo Halloween mercantilizado da sociedade estadounidense. Esas son unha serie de ideas construídas polo imperalismo cultural do cinema de Hollywood. A nosa intención era darlle un nome a algo que xa existía na Galiza, para que non se asimilase o Halloween como propio. Por iso escollemos a palabra celta Samhaim e a galeguizamos ao Samaín. Esa foi a maneira que atopamos e que entendíamos que nos servía para preservar  o noso patrimonio cultural. Aínda que Halloween e o Samaín teñen unha mesma orixe, a súa evolución foi as que as distanciou.

Comentarios