Entrevista

Andrés Goteira: "A ciencia ficción non necesariamente é tan cara. Pódense facer moitas cousas desde o máis humilde"

Novos Cinemas ofreceu hoxe un encontro co cineasta Andrés Goteira (Gaitafilmes) no que achegou o seu proceso creativo e partillou en exclusiva as primeiras imaxes de 'Welcome to ma maison', un documental que chega tras o éxito de 'Dhogs', nunha primeira versión de montaxe que aínda dará máis dunha reviravolta. 
Andrés Goteira, na esquerda, con Igor Fernández, protagonista do documental. (Foto: Novos Cinemas)
photo_camera Andrés Goteira, na esquerda, con Igor Fernández, protagonista do documental. (Foto: Novos Cinemas)

—Ven a luz as primeiras imaxes de Welcome to ma maison. Vai ter tantas referencias visuais a outras películas como Dhogs?

Non, nada que ver, porque aquí non hai coidado sobre a imaxe. Hai referencias na trama ao falar dun director en particular, Nicolas Winding Refn, e de como el realiza as súas películas, pero non visual ou narrativamente.

—E que veremos neste filme?

Un documental que está en proceso aínda, nunha primeira versión de montaxe. Vaise construíndo pouco a pouco ao descubrirmos entre nós o que queremos. Vai sobre o interior de alguén que soña, aos 25 anos, con ser quen quere. Hai unha busca, non é unha viaxe fácil ser quen queremos.andrés goteira

—Novos Cinemas convidouno a falar do seu proceso creativo. Como foi o desta obra?

Complexo, porque parto da base de que non teño moita idea de como se fai un documental. Investiguei un pouco, preguntei a xente... Igual que con Dhogs, fomos desde abaixo e tendo na cabeza o tipo de documental íntimo que queriamos facer, cunha premisa clara que era buscar o director Nicolas Winding Refn para que Igor, o protagonista, puidese continuar co seu traballo de fin de carreira e empezar cun libro que versa sobre as mans no cinema e o seu tratamento.

Cada plano de mans dá unha información máis alá: non é o mesmo unha man fechada en puño, que pode representar a ira, ou unha man aberta, que pode representar a axuda, ou unha escenificando unha pistola, que pode significar ameaza.

"Detrás desta superficie, hai persoas: Igor e todas as súas emocións, as miñas, as da xente que nos rodea..."

Logo, detrás desta superficie, hai persoas: Igor e todas as súas emocións, as miñas, as da xente que nos rodea... Iso ao final é o que busca o documental. Ver as persoas e as súas frustracións, os seus soños, o seu camiño cara a quen queren ser.

—Traballar no rexistro documental tivo que ser ben diferente.

Non ten nada que ver, é un proceso superdiferente. De feito, nesta parte non tiñamos narrativa coa cámara, non se constrúe nada visualmente, simplemente vou detrás do que me ofrece o protagonista e rexistro aquilo que intúo que pode ser bo para o documental. A partir de aí temos os brutos para construír a película.

É algo orgánico, vas aceptando cousas e vendo que o proceso non é para nada como ti imaxinabas. Vaite levando a outro mundo totalmente diferente. A crises, as emocións... Recordo chorar tres ou catro veces, non me imaxino iso facendo ficción. É todo máis práctico, máis técnico, o máis creativo talvez estea no guión ou na formación do equipo artístico.

"No documental vas aceptando cousas e vendo que o proceso non é para nada como ti imaxinabas"

Neste caso, a premisa inicial era unha, pero agora na primeira versión de montaxe xa non vai por aí. E a final rematará noutro lado. Na ficción telo escrito, tes os cartos e gravas o que pon o guión. Aquí todo o contrario.

—Dese proceso creativo, dicía que lle daba medo estarse a tornar máis ordenado. Cre que é importante deixar entrar o caos?

Home, eu penso que é fundamental. Sen iso deixas fóra moitas posibilidades. Nese caos aparecen variábeis que non contabas con que puidesen servir. Penso que cómpre estar atento ao máis abstracto cando sae, non fecharse á orde. É como un xarro que ten que estar aí porque é onde queda ben, pero se cadra roto no chan provoca outra sensación, hai que deixalo.

—Ademais deste documental, anda con outros dous proxectos.

Comecei escribindo Sturmucks, que traduzo ao galego como Sucio po estelar, en referencia a iso que din de que somos po de estrelas, que nacemos a partir de gases. É unha película moi coral, con moitos protagonistas, entón sóame cara [ri]. E claro, igual non a facemos nunca, porque somos unha produtora pequeniña e de cinema... non experimental, pero si máis difícil de financiar. Desfruto co guión e estou moi contento con el, mais pola dereita comeza a adiantarlle Monstro.andrés goteira

Estoutro é un filme máis pequeno, que trata sobre os medos. Eu era neno de medos, de ter a porta aberta e a luz prendida. Por iso sempre tiven a curiosidade de que hai detrás do medo: que é, cal é o elemental, cal o máis artificial.

Hai medos circunstanciais, que pertencen a onde vivimos, á sociedade que temos, ás súas políticas... Logo están os elementais, aqueles dos que o corpo quere fuxir como defensa: cando hai un terremoto ou vén un oso detrás de nós. Que me digan que teño que ter unha praza na Xunta para ser feliz é circunstancial. Eu conto unha fábula na que un home vai a unha cabana, no máis salvaxe que poidas imaxinar, e aparece un monstro. E pasan cousas [ri].

—Ese clásico pasan cousas... Parece que Monstro volve máis a Dhogs, un filme que apostaba na ciencia ficción, xénero pouco explorado aínda no audiovisual galego. Por que cre que é así?

Pódese intuír que os guións de ciencia ficción parecen máis caros. Depende do tipo, claro. Igual tamén en guión é máis complexo de comprender ou asusta máis: "Isto vaiche quedar moi cutre, a ver como o fas...". É máis difícil de ver que unha historia máis intimista, clásica ou comercial. Pero creo que cómpre confiar máis. Detrás do guión ten que haber un autor ou autora e formas de facer. E a ciencia ficción non necesariamente é tan cara. Pódense facer moitas cousas desde o máis humilde. Iso é o que quero con Monstro. E Dhogs nunca foi financiado ben, foi máis ilusión. Seguramente custase o dobre.

O tempo e o debate nutren o filme

O confinamento atrasou a rodaxe dalgunha secuencia de ficción, escenas que "fan máis complexo intuír a realidade ou non do documental", afirma Goteira. Se ben podería falarse de falso documental, aínda non ten claro se etiquetalo así. "A Covid-19 fixo pensar. O tempo é necesario, osixena o cerebro", explica. "Igual que agora, na fase de montaxe. Acabei a primeira versión hai uns 20 días e até xaneiro non atacarei de novo. Prefiro debatilo, ter un feedback...", engade.

Así, comentouno xa con dous amigos de épocas diferentes: el por volta dos 40 e ela dos 25. Esta última "empatizaba máis co protagonista e xerábase un debate interesante entre tradición e posmodernismo", asegura. Estaban sobre a mesa "a tendencia de mostrarse nas redes como realmente es ou cantas máscaras hai", na reflexión de "cara a onde imos e que liña sería mellor, como seres humanos, levar". 

Comentarios