Andrés Castro convida cun concurso a escoller os filmes que critica no semanario Sermos Galiza

Crítico no semanario e máis no dixital de Sermos Galiza, Andrés Castro promove a través da rede un concurso no que a persoa que resulte gañadora escolle o filme que critica na sección de papel. O seu obxectivo é facer unha sección máis dinámica e participativa e facer “mover” o semanario na rede. 

Andrés Castro
photo_camera Andrés Castro

A través dunha  páxina en facebook, cada semana o crítico Andrés Castro convida os internautas a participar nun concurso a través do que se escollerá o filme do que fará a crítica no semanario Sermos Galiza. O concurso consiste en adiviñar a que película pertence un fotograma que pendura na rede. Quen acerte poderá elixir o filme que sairá criticado no semanario na sección de Andrés Castro nos vindeiros números. 

Con este concurso, Andrés Castro busca que a sección “sexa participativa e que o público interaccione nunha sección que, a miúdo, depende só dunha persoa. O que posibilita ter un soporte en papel e outro na rede é que un e outro se entremesturen e se poidan desenvolver propostas como esta, crear unha comunidade cinéfila arredor de Sermos Galiza”.  

A Chamada

Andrés Castro mantén dúas seccións de crítica semanal en Sermos Galiza. No xornal dixital, cada sexta feira publica unha crítica dun filme de estrea, dos que están nas carteleiras de cinema en todo o país. No semanario, de maneira máis demorada, escolle filmes que non respondan a tan urxente actualidade e é nesta sección, en papel, na que busca a participación dos internautas a través da rede. 

“Polo de agora, deuse unha clara aposta polos clásicos, aínda que non moi coñecidos. A xente participa e é unha maneira de difundir tamén os contidos do papel na rede”, explica Castro que reside en Pontevedra e agarda a que este Nadal as pantallas grandes de cinema volvan á cidade para non se ter que desprazar a salas comerciais de cidades próximas. 

Con experiencia no mundo da publicidade, márketing e deseño gráfico, Andrés Castro está vinculado ao sector audiovisual desde moi novo, desenvolvendo diversos traballos de crítica e produción. O pasado ano, realizou unha curtametraxe que se proxectou en festivais como o I Festival Por amor al Arte da Coruña, Cine 365 de Antena3, Meetinars de Canal+ , no Festival internacional de Cine de Alcalá de Henares, no Valle de Bravo en Corto de México ou no Cor3Fest de Tegucigalpa. A curta ten por título “A Chamada”. 

Comentarios