Andrea Pousa procura as súas orixes nun 'Retorno' entre a Galiza e Portugal

O segundo traballo discográfico de Andrea Pousa, 'Retorno', chegará en marzo de 2021. Mentres, a cantante partilla con 'Nós Diario' esa busca das súas orixes, a medio camiño entre a Galiza e Portugal, que caracteriza este álbum persoal e "vangardista" co que quere "romper estereotipos" cunha personalidade propia
A cantante e actriz Andrea Pousa nunha imaxe do videoclip de 'Camiñares'.
photo_camera A cantante e actriz Andrea Pousa nunha imaxe do videoclip de 'Camiñares'. (Foto: Cedida)

A cantante e actriz Andrea Pousa está a piques de lanzar o seu novo álbum. Retorno é o seu segundo traballo en solitario e nel atoparemos "unha busca das orixes desde o máis persoal". Isto leva a artista, natural de Tomiño, a conectar a Galiza con Portugal, país no que ten ascendencia e ao que se sente moi ligada desde sempre.

"Quixen traballar cun produtor portugués, Paulo Borges, nesta fusión das dúas culturas", conta en conversa con Nós Diario. O disco foi así gravado a medio camiño entre os dous territorios, nos estudios Casa de Tolos (Galiza) e Plateia de Ilusões (Portugal).

O estilo, segundo ela mesma define, é desta volta "vangardista", con letras que fan referencia á experiencia contemporánea desde o cotián. Así o mostra, por exemplo, o primeiro adianto (videoclip incluído) "Axendados", que recolle esa vertente de "autocríticas que lle fago á realidade".

Neste caso céntrase na aceleración constante desa "espiral de rutina na que temos todo definido e ás veces parece que esquecemos ser humanos", argumenta Pousa. "Quero verte, tes tempo?", pregunta suavemente a súa voz na canción rebelándose contra este status, "atascada na espiral da miña propia liberación".

En "Camiñares", a outra peza que serve, polo momento, de carta de presentación, Pousa achégase desde unha ollada persoal á temática do Camiño de Santiago: "Polos prados e carballos / ando ao teu par / a soidade esvaece / pasamos a outro lugar".

Estilos desde o persoal

A cantante agarda que Retorno "conecte moito cos ouvintes" porque "está feito desde o meu máis sincero ser". A factura do álbum é a dunha diversidade de estilos que conforman a súa bagaxe musical, desde ritmos latinos até pop electrónico, coa vontade precisamente de tocar diversos paus, sen complexos nin limitacións.

"Quero romper eses estereotipos que moitas veces asocian un artista cun xénero determinado, cando imos cambiando e fluíndo co que hai ao noso redor", afirma Pousa

"Quero romper eses estereotipos que moitas veces asocian un artista cun xénero determinado, cando imos cambiando e fluíndo co que hai ao noso redor", afirma. Con todo, tamén existe unha certa consciencia buscada de "ser fiel ao meu estilo", con algo "propio na voz e na forma de cantar".

Conexión portuguesa

Pousa opina que aínda queda "moito por avanzar" no vencello con Portugal. Desde a súa vivencia persoal, aínda detecta fronteiras entre os dous territorios: "Para a miña contorna Portugal era algo que 'quedaba alá abaixo', case como despectivamente, pero eu sempre o vin de fronte". É unha das súas intencións explorar este vínculo e afianzalo: "Temos que traballar nesa unión, desde esta marxe atlántica, porque xuntos somos máis fortes".

As de Portugal son barreiras simbólicas, igual que as que para a cantante aínda existen en relación á propia lingua. "Temos que seguir progresando na nosa mentalidade", comenta a respecto disto. "Eu nunca penso que non vou chegar a algún sitio por cantar en galego", reivindica, xustamente ao contrario.

"Debemos empoderarnos, temos todo para triunfar no mundo e entre nós", proclama, para "compartir e conectar cos demais sen censura"

A súa música interesa fóra por estar na nosa lingua, segundo relata a partir da súa experiencia en México durante un mes de promoción na que o galego foi un aliciente. "Debemos empoderarnos, temos todo para triunfar no mundo e entre nós", proclama, para "compartir e conectar cos demais sen censura".

Lanzamento en marzo

Aínda que o disco estaba pensado para 2020, a pandemia "colleunos polo medio" e afectou os prazos de produción, polo que finalmente verá a luz en marzo do próximo ano, logo de adiar a gravación para o pasado verán.

Porén, Pousa decidiu ir soltando pequenas pílulas a modo de avance e así contrastar xa a reacción do público. Mais está tranquila, pois o álbum está feito desde o corazón e ten a seguridade de que se nota. "Fixen algo que me gusta e iso chégalle á xente de maneira diferente a se cantase un tema doutra persoa", asegura con agarimo.

Comentarios