O Consello da Cultura analiza a conexión entre linguas ibéricas

Amosar as interrelacións entre linguas peninsulares como unha situación de normalidade permitirá pór en contexto a situación do noso país e entendela mellor. Esta é unha das finalidades do volume Variedades lingüísticas en contacto na Península Ibérica.
Xulio Sousa,
photo_camera Xulio Sousa.

Galego e castelán son linguas que están en contacto desde hai séculos, mais non é esta a única interrelación entre idiomas na Península, xa que tamén se fala o portugués, o astur, o euskera, o aragonés, o aranés e o catalán.

Amosar as interrelacións entre elas como unha situación de normalidade permitirá pór en contexto a situación do noso país e entendela mellor. Esta é unha das finalidades do volume Variedades lingüísticas en contacto na Península Ibérica, a última publicación do Consello da Cultura Galega editada por Francisco Dubert-García, Vítor Míguez e Xulio Sousa. O libro xa pode descargarse de balde desde o sitio web oficial da institución.

"No mundo hai máis linguas ca Estados, polo que a situación de contacto entre elas é absolutamente normal", asegura Dubert-García. "As linguas que viven xuntas acaban por intercambiar trazos (que se adoitan clasificar como interferencias) que levantan debates identitarios sobre a pureza das variedades en contacto", engade.

Sen pretender xulgalas nin valoralas, "só poñemos enriba da mesa as consecuencias lingüísticas do contacto co convencemento de que, ao analizarmos os fenómenos de cambio asociados, coñeceremos mellor a estrutura das linguas que estudamos", asegura.

Este volume parte do recoñecemento das linguas como cúmulos de variedades que están en contacto entre si. Por iso, amosa posíbeis análises de situacións de contacto en comunidades que nos son próximas cultural e xeograficamente.

O contexto plásmase nos fenómenos de préstamo, interferencia, transferencia e converxencia. A perspectiva da publicación pretende amosar os factores sociais e lingüísticos, como se vén afectadas as estruturas dos idiomas implicados en procesos de cambio por contacto, as interferencias e as converxencias.

Comentarios