Ana Moreiras: "Dicía Aute que pintar aforraba horas de psicanálise"

Alarmazo é unha crónica en banda deseñada, unha tira cómica en liña que recolle o día a día dunha ilustradora diante da actual situación de alarma sanitaria. Desde o optimismo, mais con retranca e boa dose de crítica social, temos a Ana Moreiras suxeitando o pincel. Aproveitamos para conversar  coa autora nesta cuarta semana de confinamento partillado. 
Ana Moreiras
photo_camera Ana Moreiras no seu estudio, en Lira (Carnota), entre os rotuladores cos que traza día a día 'Alarmazo'

Alarmazo é unha crónica do confinamento. Cando decidiu plasmar esta situación?

A declaración do estado de alarma sanitaria pilloume xa en Lira, na nosa co-vivenda, onde pasamos sempre a metade da semana, e xa vimos que a situación ía ser de confinamento. Tiña un bloc de debuxo e decidinme a facelo, a levar unha crónica sobre isto que, por unha banda, serve para esconxurar demonios, preocupacións ou inquedanzas e, por outra banda, para sacar o mellor de ti. Aínda escoitei hoxe que dicía Aute que pintar aforraba moitas horas de psicanálise. 

Trátase dunha tira cómica que publica en aberto nas redes. Si, sácoa diariamente. En Twitter publícoa a diario e en Facebook a final de semana reúno todo. A tira fágoa co que me suxire a min cada día do que está a acontecer, cada día recollo o que me inspira, noticias, xestos, pensamentos. Contar o que está pasando no día, mais completamente filtrada desde unha óptica moi optimista, sen esquecer tamén a parte crítica, porque éme imposíbel non selo.  

Por que optou por ilustrar?

Unha porque debuxei toda a vida, desde pequecha, e outra porque lin sempre banda deseñada e, cando volvín a ela de adulta descubrín un mundo novo. E é que con trazos simples podes contar tanto... contas unha acción, contas unha emoción... Esta semana, por exemplo, debuxei a Miguel [de Lira] poñéndolle a ramiña de oliveira á Virxe Crebinsky, e era un debuxo simple, mais eu quería contar que a luz da tarde era fantástica... Iso se o queres narrar nun texto é moi difícil, se es Cortázar podes, claro, mais eu non o son [ri]. Eu leo moitísimo, pero o debuxo véxooo como máis free, máis aberto, onde se permite máis a non-profesionalidade.

Como foi a acollida do relato gráfico Madialeva?

A verdade é que foi moi ben acollido, estamos en diálogos para unha posíbel reedición, para a miña sorpresa, pois non son debuxante profesional nin ilustradora. Si que tiven a fortuna de que moita xente empatizase co resultado, ségueme chegando bo feedback e quería seguir adiante. Precisamente estes debuxos de Alarmazo tamén naceron co ánimo tamén de mellorar a técnica, porque eu creo que a mellor forma de crecer en calquera cousa é practicando. E ese é parte do obxectivo, practicar, traballar un pouco ese retrato menos realista, menos formal... para min facer un retrato realista é unha tarefa moi sinxela tecnicamente, non me custa, mais estoutro de discorrer unha acción si que me custa bastante.

Como está vivindo a situación actual, tamén desde esa vertente máis educativa? 

Como docente estou dando clases en 3º e 4º da ESO e xa tiña todo moi deitado na web, entón non notei gran problema para facilitar a materia. Mais o importante de dar clase é mirarte aos ollos cos teus cativos, a parte de educación non formal, que é máis fundamental e agora pérdese. Xa a nivel social, con esta crise sanitaria que vivimos, aínda que é o momento de arrimar o ombro, intento ser crítica, e creo que vai chegar o momento de render contas, non de quen está gobernando agora mesmo, mais si de quen estivo antes 11 anos gobernando e sometándonos. Cando saiamos de aquí estaremos abrazándonos e felices, pero haberá que mirar atrás e pensar por que chegamos a este punto. Agora eu, a través das historias, non estou focalizando iso, esa situación, eu estou dentro do que podo no optimismo, mais non deixo de preguntarme que pasa con esas residencias de anciáns, con tantas cousas que non están funcionando, coa falta de investigación e recursos na actualidade de i+D etc. Entón, a visión que dou agora é optimista, alegre, mais paréceme aluncinante que se estea facendo crítica ao goberno actual e non a todo o que veu detrás e que desembocou nisto. Moralinas nas historias non hai, mais reflexión detrás si que hai porque é moi necesaria hoxe. 

Comentarios