Ana Cabaleiro gaña o García Barros cunha novela sobre o rural contemporáneo

As Ramonas é a historia dunha tensión. A que conecta e separa o local do global. A que por veces enfronta o lugar do que unha procede e as súas aspiracións. É tamén a historia dunha fotógrafa que traballa para sobrevivir e crea arte para vivir. E é o título da novela co que Ana Cabaleiro (Saídres, Silleda, 1974) gañou a 30ª edición do premio García Barros.
 

anacabaleiro
photo_camera A escritora Ana Cabaleiro. Foto: Mónica Paxot.

“O mundo feminino ten un peso fundamental nas Ramonas”, explica Cabaleiro a Sermos, “e relata esa contradición entre o noso querer ser cosmopolitas, sabermos idiomas e, ao tempo, seguimos tendo un grande apego a rural”. A vida da protagonista, que se dedica á fotografía, guía a narración. Ao seu carón, outras mulleren desenvolven “roles importantes”.

“De fondo figura un tema universal”, sinalou o xurado do galardón nunha nota, “o intento dunha persoa da aldea cun traballo normal [a foto de vodas] mediante o cal pretende transcender a realidade”. A obra de Cabaleiro relata esta disxuntiva con dous niveis e “dúas formas de narrar”: unha dedícase á vida cotiá da fotógrafa, outra á súa visión artística, poética da realidade.

Nun recurso análogo ao empregado polo cineasta iraniano Abbas Kiarostami en Dez (2001), As Ramonas transcorre sempre dentro de automóbiles. Hai unha razón. “As persoas que somos do rural non podemos non ter carné de conducir”, expón a autora, “a importancia dos coches na nosa vida é case unha protagonista máis da novela”. Que está ambientada no país natal de Cabaleiro: Saídres e as parroquias da contorna, en Silleda.

“Ao se tratar dunha paisaxe real e que coñezo, foime máis cómodo. Tamén aparece a vella vía do tren e información recollida de testemuños da miña familia”, di, para explicar os materiais de experiencia activos no libro. A paisaxe e máis un propósito: emendar o que considera un problema na literatura galega e que resume como “visións idealizadas do rural”.

“Agora fálase do neorrural, pero idealízase. A fotógrafa das Ramonas ten sentimentos econtrados sobre o asunto, e non os disimula”, esténdese a escritora, “a esta altura, moitas xeracións que nacemos na aldea temos un grande apego por ela. Pero decidimos abandonala”. Cabaleiro entende que a prensenza do rural na literatura galega, “abondosa”, debe evolucionar. Como evoluciona a súa propia xeografía física e humana. E como o está a facer, sobre todo e de diferentes maneiras, na poesía de Olalla Cociña, Carlos Lixó ou Ismael Ramos.

O premio Manuel García Barros convócao o Concello da Estrada. Na edición número 30 que distinguiu As Ramonas contou cun xurado conformado por Olalla Cociña -poeta e xornalista-, Carlos Lema -poeta e editor-, Armando Requeixo -crítico literario-, María Eulalia Agrelo -filóloga e ensaísta- e Carlos Loureiro Rodríguez.

As Ramonas, que publicará a editorial Galaxia, será o segundo libro de Ana Cabaleiro, que debutou o pasado ano con Sapos e sereas (Galaxia), un volume de relatos.

Comentarios