Novidades editoriais

Amor, adiviñas e poesía con Rinoceronte

A mediados do mes de xaneiro chegarán ás librarías de todo o país as novidades editoriais de Rinoceronte Editora.
coetzee
photo_camera O autor surafricano J. M. Coetzee. (Foto: Nós Diario)

A mediados do mes de xaneiro chegarán ás librarías de todo o país as novidades editoriais de Rinoceronte Editora. Trátase de Deshonra, do autor surafricano J.M. Coetzee; Adiviñas medievais do Libro do Exeter, de autoría anónima; e a escolma lírica Poemas, da artista xaponesa Chika Sagawa.

A obra de J.M. Coetzee, Deshonra, conta a historia dun profesor de poesía romántica na Universidade de Cidade do Cabo, David Lurie, que ten unha impulsiva aventura cunha alumna até que é denunciado e o convocan a unha comisión de investigación.

Lurie quere admitir a culpa pero négase a amosar o seu arrepentimento publicamente, así que decide marchar e visitar a súa filla na granxa na que vive.

Adiviñas medievais do Libro do Exeter é un compendio de enigmas a modo de poemas que convidan a identificar un obxecto, un fenómeno natural, un animal ou un proceso descrito de modo misterioso e, xeralmente, lúdico.

Trátase dunha gran tradición presente na práctica totalidade das culturas do planeta ao longo da historia. Na literatura anglosaxona os enigmas son parte indispensábel dos recursos estilísticos da poesía do inglés antigo e, de feito, unha das súas figuras retóricas máis utilizadas, os kenningar, eran metáforas a modo de adiviñas en miniatura.

Alba Doval encargouse da tradución da escolma Poemas, da escritora xaponesa Chika Sagawa, en cuxa obra dominan os elementos da natureza, a vida urbana da cultura occidental, como oposición, e a presenza da morte.

Trátase ademais, dunha temática carente de connotacións femininas que dista moito das poetas xaponesas da súa época, e emprega convencións modernistas, que tratan de romper coa idea de que a linguaxe debe ser un cristal claro e transparente.

Comentarios