O amigo galego de Herberto Hélder

Que Herberto Hélder non concedía entrevistas é referencia nos obituarios do poeta portugués que morreu esta segunda feira en Cascais. Algúns medios portugueses mesmo se refiren a ese texto insólito que o escritor Xosé Lois García publicou na revista Luzes de Galiza. García mantivo máis de trinta anos unha estreita amizade co poeta. 

Xosé Lois García
photo_camera Xosé Lois García

Máis dun cento de cartas compoñen o epistolario de Xosé Lois García co poeta portugués Herberto Hélder, unha das principais voces da literatura portuguesa do século XX. “Vocé está doído”, escoitou dicir máis dunha vez cando comenta esa longa comunicación epistolar, singular nun poeta que optaba por transmitir a imaxe de persoa afastada do ámbito social da literatura. Que Hélder tentou convencer ao xurado do Prémio Pessoa de que buscasen a outro e non lle dixeran a ninguén que el era o escollido é outro dos episodios que máis se repiten á hora de construír o perfil do escritor falecido esta segunda feira aos 84 anos. 

"Xosé Lois García conseguiu, pola amizade co autor, unha das únicas entrevistas que o poeta concedeu na súa vida".

“Coñecino no 1982, cando estaba a preparar a Antoloxía da Poesía Portuguesa que publicou en Barcelona Hora de Poesía. A partir de aí, cando ía a Lisboa sempre nos viamos, comiamos xuntos e paseabamos polo Bairro Alto. Con el tiven unha intensa amizade, coma con Eugenio de Andrade”, comenta o escritor, investigador e colaborador de Sermos Galiza, Xosé Lois García referíndose a esa outra grande figura da poesía portuguesa que, xunto con Sophia de Mello compuñan unha tríade da que a crítica cuestionaba o podio. 

“Facía unha vida moi particular, alonxado de todo. Non quería entrevistas e detestaba as  fotografías, ao contrario que o Eugénio de Andrade. Cando nos viamos en Lisboa, comiamos nunha cantina na Trindade fundada por un aguadeiro galego que chegara alá no século XIX, el estaba vinculado á Assirio e Alvim”, conta o escritor galego, conmocionado aínda pola morte de Hélder un autor para o que a obra, segundo lembra, perdía interese cando saía publicada. “A partir de aí xa era o lector, que fale o que queira”, di García. 

"Díxenlle a Helder que era unha mágoa que se negase a facer entrevistas e el díxome que lle mandara o cuestionario e botouse a rir. Era bo amigo e aceptou facer a entrevista"

A historia dunha entrevista 

Xosé Lois García conseguiu, pola amizade co autor, unha das únicas entrevistas que o poeta concedeu na súa vida. O texto é de tal singularidade que mesmo algún medio de comunicación portugués como o xornal Público tivo que recorrer a ela como documento extraordinario dun dos poetas maiores da literatura portuguesa. “Xavier Seoane pedírame que colaborara coa revista Luzes e eu ofrecéralle unha serie de entrevistas con escritores da lusofonía. Díxenlle a Helder que era unha mágoa que se negase a facer entrevistas e el díxome que lle mandara o cuestionario e botouse a rir. Era bo amigo e aceptou facer a entrevista, tamén por non ser eu portugués, estou certo”, comenta García dunha entrevista que, como lembra, foi máis comentada en Portugal que na Galiza, onde o nome de Héder era practicamente descoñecido. A entrevista sairía logo publicada no xornal portugués Público en 1990, de onde agora tiran o pdf que engaden á ampla información publicada no óbito do poeta. 

Naquel tempo, García coñeceu a case a totalidade dos grandes nomes da literatura portuguesa. Desde Barcelona dirixíralle cartas para concertar un encontro en Lisboa, onde viaxara co fin de pechar acordos para a antoloxía e foi así que naceu a amizade con varios deles. “Foi o inicio tamén da amizade con Hélder con quen compartía un frechazo de amor pola literatura. As súas cartas están  cheas de xuízos sobre literatura, tamén sobre os autores do seu tempo”, engade o autor dunha entrevista de referencia co poeta. 

Comentarios