Ames Jazz medra en días e incorpora documentais na súa programación

Na edición deste ano actuarán as formacións Límbico e Xacobe Martínez Antelo Quinteto. Poderán verse os documentais sobre Thelonious Monk e Keith Jarrett.
Iago Marta, integrante da banda Límbico, Xacobe Martínez Antelo, director do festival; Natividade González, concelleira de cultura, e David Santomil, responsábel de Educación de Ames.
photo_camera Iago Marta, integrante da banda Límbico, Xacobe Martínez Antelo, director do festival; Natividade González, concelleira de cultura, e David Santomil, responsábel de Educación de Ames.

O Ames Jazz celebra en 2022 o seu quinto aniversario e volve un ano máis dobrando a súa programación e a súa duración. Por primeira vez, o festival durará dous días, 1 e 2 de xullo, e incorpora ao itinerario a proxección de dous documentais relacionados con figuras históricas deste xénero musical. 

Para Xacobe Martínez, director artístico e  representante do grupo Xacobe Martínez Antelo Quinteto, "Ames demostrou ao longo destes cinco anos o seu interese e compromiso por fixar esta cita anual algo, que ten moitísimo valor, pois o Ames Jazz é unha das poucas mostras de jazz exclusivamente galego se non a única que hai na Galiza".

Da mesma maneira o nivel desta edición ten que ver co "talento dos músicos de jazz na Galiza que é tremendo.

É un luxo que a veciñanza de Ames poida velos e ademais neste espazo, no Pazo da Peregrina, que é un lugar marabilloso para facelo. Eu traio o meu novo quinteto con músicos de primeiro nivel e un repertorio divertido de escoitar e ver". 

Jazz e documentais para os dous días

Abrirá esta edición do Festival Iago Marta e o seu grupo Límbico cunha proposta diferente. Segundo este músico, o seu "é un quinteto instrumental que nace hai ano e medio con composicións propias e unha formación inusual porque ademais de batería, guitarra e contrabaixo levamos saxo e chelo cos que tentamos xerar temas diferentes e ambientes diferentes".

Xa na segunda xornada de Ames Jazz, o sábado 2 de xullo, actuará Xacobe Martínez Antelo en formato de quinteto, cunha formación totalmente renovada e na que buscará equilibrar o pasado, con todo o repertorio persoal deste contrabaixista compostelán, co presente e o futuro. Neste sentido en breve presentará o seu próximo traballo discográfico. 

Ademais, por primeira vez no Ames Jazz, incorpóranse á programación dúas proxeccións de cinema, que completan a oferta musical do festival. O Pazo da Peregrina acollerá os dous filmes a partir das 20.30 horas, tamén repartidos entre ambos os días.

O 1 de xullo proxectarase Thelonious Monk: Straight, No Chaser (Charlotte Zwerin, 1988), unha biografía desta lenda do jazz que inclúe metraxe de concertos e entrevistas.

Pola súa parte, o sábado poderá verse o documental Keith Jarrett: The Art of Improvisation (Mike Dibb, 2005), un traballo que xira en torno á figura do pianista e a súa improvisación jazzística.

Comentarios