Caderno de Verán

Amalia Mato, produtora: "No cine non haberá tantas escenas de amor"

Profesional da produción cunha ampla experiencia no sector do cine e da televisión. Desde 2015 dirixe na Coruña a súa propia empresa de representación de actores e actrices, ComareaCast, e conta entre as súas representadas con caras tan coñecidas do noso audiovisual como Luís Iglesia ou Ana Santos. Repasamos con ela a realidade cinematográfica galega, a entrada en xogo das plataformas dixitais e os novos retos fronte aos protocolos de protección ante a Covid-19.
Amalia
photo_camera Amalia Mato.

Cóntenos como mudou o sector coa aparición das plataformas dixitais?

O mercado cambiou moitísimo. Antes había unha serie de canles xeralistas, públicas e privadas, pero a aparición das plataformas deulle a volta a todo, tanto na forma de producir como na forma de traballar. Foi unha volta por un lado moi positiva e polo outro non tanto. Positiva porque se mira cara a outros lugares que antes non se miraban tanto: Galiza, Asturias, Andalucía... o que supón que nós, desde Galiza, podemos producir cousas que se ven en todo o mundo. O lado negativo é que xogamos noutra división na que, ao mellor, se priorizan outros nomes, tamén é unha cuestión de márketing.

Como se volve á normalidade no audiovisual?

Estamos a vivir a volta con ansiedade e desconcerto pero ilusionadas tamén, porque ao principio pensamos que non ía haber ano de traballo pero logo activáronse máis cousas das que pensabamos. Todo o mundo quere volver a certa normalidade pero o sector quedou tocado, estase a empuxar con moita cautela e estanse a activar castings, que son a semente de futuros proxectos. O sector pensa no ano próximo e aínda que o panorama é algo desolador, a ilusión do sector é o que nos mantén, este traballo require moita paixón. 

De que maneira aplica o sector o protocolo sanitario?

Hai moita conciencia. De feito, creo que fomos dos primeiros sectores que buscaron un protocolo, porque independentemente de como fora a pandemia, aprendemos que era unha enfermidade moi contaxiosa. Requírese moita precaución porque no audiovisual non todos os elementos son substituíbeis. A un actor ou a un director de fotografía non o podes cambiar sen máis se enferma, porque se trata dun traballo máis especializado. Sacar adiante un proxecto é moi custoso, o protocolo sanitario para unha produtora supón un custo elevado porque supón máis tempo de rodaxe, e con máis tempo de rodaxe estás a ter menos produtividade. Se antes podías facer un número de secuencias ao día agora tes que facer menos en máis tempo. Desde o principio, o sector tomouno moi en serio porque se non non poderiamos arrancar. Fanse probas continuas, os técnicos levan protección, etc.

Botou en falla medidas administrativas?

Nesta situación de crise o Estado ten que estar ao quite e axudar a todos os sectores. O noso recibiu algunha axuda pero non as necesarias, porque aínda que a xente pense que somos un sector subvencionado non é certo, somos igual de subvencionados que calquera outro sector. As axudas son máis necesarias que nunca porque non podes garantir se hai espectadores no cine, por exemplo, e nese contexto hai produtoras que desaparecerán. Pero o sector sempre se reinventou e agora toca facelo de novo. 

Como ve o futuro?

Son máis positiva agora que hai uns meses. A xente demanda material para consumir e hai que facelo. Para o ano que vén, no sector van cambiar moitas cousas e témonos que adaptar, non queda outra. Coido que imos ir a proxectos de menor envergadura, non producións máis pequenas pero si máis reducidas en canto a persoal. Penso que se van eliminar, narrativamente os elementos de maior risco, por exemplo, seguramente non haberá tantas escenas de amor ou tantas escenas grupais como podía haber noutro momento. No noso sector, que require grandes equipos, coido que se vai tender a reducilos e especialmente a reducir o equipo artísico, e isto, desde o punto de vista dunha representante, non é nada bo. Mais confío en 2021 porque temos talento e sabemos movernos na adversidade.

Comentarios