Amador Castro, Emma Pedreira e Rosa Aneiros, gañadoras dos Xerais 2019

Os xurados elixiron “Xelís, o guieiro das botellas de mar” de Rosa Aneiros, como Premio Merlín de Literatura Infantil, 2019; “Os corpos invisibles” de Emma Pedreira Premio Jules Verne de Literatura Infantil, 2019 e “Shanghai a Barcelona” de Amador Castro Premio Xerais de Novela 2019. 

Amador Castro, Emmma Pedreira e Rosa Aneiros son os gañadores dos premios Xerais 2019. O anuncio fíxose na mañá deste sábado en Vigo, cidade onde se deu a coñecer quen eran os triunfadores na XXXVIª edición do Premio Xerais de Novela, a XIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXIVª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, os tres premios dotados con 10.000 euros cada un. Os xurados escolleron esta semana entre as dez obras finalistas.

Premio Xerais de Novela foi para “Shanghai a Barcelona” de Amador Castro. O xurado elixiuna entre as 44 obras que consursaban. Despois da súa última deliberación, o xurado acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Tras de min a terra queimada”, que, despois de aberta a plica, resultou ser de Amador Castro e corresponde ao título “Shanghai a Barcelona”, unha novela sobre a emigración galega a Barcelona.

O xurado considera que presenta un orixinal emprego das voces narrativas, fiadas unhas con outras con afán de continuidade; destacando a viveza e naturalidade dos diálogos e a efectiva creación dunha atmosfera abafante ao longo de toda a novela, alén da fusión dun rexistro coloquial nos personaxes cunha linguaxe lírica presente en forma de haikus.

Amador Castro Moure naceu en Nandulfe-Chantada e vive dende a súa infancia en Barcelona.Ten publicados dous libros: “Memorias de antes do encoro”, 2013 e “Pillabán, pillabán”, 2018

Premio Merlín de Literatura Infantil, no que concorreron 28 obras, foi para “Xelís, o guieiro das botellas de mar” de Rosa Aneiros. O xurado destaca a excepcional construción dun universo propio, habitado por unha rica galería de personaxes que se sitúan entre o fantástico e o real, para tratar a problemática actual da crise ecolóxica e da contaminación do plástico. Salienta tamén a presentación do conflito entre tradición e cambio, así como a defensa do pensamento crítico e autónomo e a unión solidaria como medios para solucionar os problemas aos que se enfronta a humanidade. A historia está tecida mediante o uso dun galego de gran riqueza léxica que, con todo, non dificulta a perfecta accesibilidade da lectura.

Rosa Aneiros (Meirás-Valdoviño, 1976) é xornalista e traballa no Consello da Cultura Galega. Colabora habitualmente en distintos medios de comunicación. Autorda de obras como “Resistencia” (Xerais 2003); “Veu visitarme o mar” (Xerais 2004); ou a triloxía “Ámote Leo A.”

Emma Pedreira gaña o premio Jules Verne de Literatura Infantil 2019 con “Os corpos invisibles”. Presentáronse 20 obras a este galardón. O xurado salienta a orixinalidade da perspectiva adoptada para o desenvolvemento da trama; a innovación no seu achegamento a un clásico universal e ás autoras inglesas da época vitoriana; o firme feminismo da obra; o retrato social focalizado en problemáticas femininas e a visibilización do papel das mulleres. Tamén destacan o tratamento da violencia económica e a loita por ver recoñecidos os logros científicos e intelectuais das mulleres fronte á apropiación que deles fixo o patriarcado ao longo da historia.

Emma Pedreira (A Coruña, 1978). Filóloga, poeta e narradora. Membro da Plataforma de Crítica Feminista A Sega. Forma parte da denominada Xeración Poética dos 90. Entre as súas obras, “Diario bautismal dunha anarquista morta” ou “Libro das mentiras”. En 2018 gañou o Premio Xerais de Novela con “Besta do seu sangue”.

A festa de entrega dos galardóns terá lugar no mes de outubro coincidindo coa aparición dos libros editados das obras gañad