Gañador do premio Youtubeir@s polo videoclip 'Lume'

Alvite Peillet: "Trap en galego é trap rural, pois non! Non me gusta a intención que ten, levanta sospeitas"

Alvite Peillet é o creador do vídeoclip Lume, do colectivo FØ Records e merecedor dun premio Yotubeir@s. Ademais de vídeo-creador, Alvite é rapeiro, integrante do mencionado colectivo e protagonista do mesmo tema, pero para esas ocasións o seu nome artístico é Camel B. ou Camel Blando.
alvite1
photo_camera Camel B. é o nome artístico que Álvaro Alvite emprega dentro do colectivo FØ Records. (Foto: Nós Diario)

En primeiro lugar, parabéns polo premio. Como o recibiron en FØ Records?

Está moi guai. Cando soubemos da convocatoria dos premios dixemos, “isto está moi ben”, porque nos parecía que se adaptaba bastante ao noso traballo musical, de canle... Pareceunos bonito e anotámonos,  co pensamento de que ademais de ser un proxecto chulo, tiñamos algunha posibilidade.

Cando nos nomearon si que empezamos a crer que podiamos gañar, aínda que nós ou ben gustamos moito ou ben a xente  non o entende e di, “isto é unha faena”, tamén pensamos que igual non gañabamos... E en definitiva, estamos moi contentos. 

Cal é agora a súa actividade principal? O rap? O vídeo?

Agora mesmo estou a estudar pero xa teño bastante traballo, así que vou a empezar a dedicarme profesionalmente a isto... Se quero traballar non me queda tempo para rematar o ciclo de fotografía que estou a cursar na Escola Mestre Mateo de Compostela, así que o deixarei.

En xeral fago videoclips, portadas para discos, estou tamén a facer unha especie de documental... O que me gusta é o cinema e como tamén me encanta a música e os vídeos son unha das principais tarefas que fago a nivel creativo.

E que hai, logo, da súa faceta de rapeiro en FØ Records?

Cando empezamos eu non quería rapear, pero son un freak absoluto do rap e do trap, e logo de estudar Audiovisuais quería facer vídeos musicais, mais comprobei que a xente case sempre se quere aproveitar para que lle fagas traballos só para pór o nome, e nin pensan en pagar... Decidín, “para iso facemos entre nós os videoclips coas cousas que nos gustan".

E así empecei a rapear e agora teño a posibilidade de facer todo o traballo por min mesmo, porque para min a parte visual non é complicada, senón que incluso cando escribo unha canción, xa estou pensando no audiovisual, unha especie de sinestesia. Como non só me interesaba realizar senón tamén saber levar a cabo a parte técnica, así empecei, dicíndolle aos meus colegas que se achegasen a Vigo para facermos unha canción e un videoclip.

Desde aí, empezamos a tomalo cada vez máis en serio até que chegou o vídeo A Porrallada e vimos que o que faciamos lle gustaba á xente... E até aquí.

Que importancia lle confire FØ Records ao idioma? 

A importancia que ten rapear en galego é a mesma que facelo en inglés se hai palabras en inglés. Rapeo en galego porque falo galego aínda que a miña realidade sexa bilingüe, e cando rapeo en inglés é porque son un mozo de 2020 e collo vocabulario de todos lados.

A miña ferramenta vehicular é o galego pero non o leitmotiv, porque non queremos que nos escoiten por cantar en galego senón porque o que facemos está ben.

E aproveito para dicir que “trap rural, por favor, xa está, basta!”. Foi un termo que se acuñou hai cinco anos e fixo graza no seu momento, e agora seguimos a velo en todos lados, trap en galego é trap rural, pois non! Negreira non é rural e estamos en 2020, temos wifi, hai vacas, pero tamén outras cousas. Non me gusta a intención, levántame sospeitas.

Que proxectos teñen agora entre mans?

Estamos a traballar nnha serie de vídeos en formato "Colors", diversos artistas que van facendo vídeos diante dun croma de varias cores con xente de interese na Galiza, e tamén estamos a buscar financiamento para ver se conseguimos non ter que custealo todo nós sos.

E acabamos de sacar outro sinxelo, Espumoso, adianto do noso próximo EP, que agardamos que saia a finais de xaneiro. E tamén queremos facer un disco de FØ pero sairá algo máis adiante.

Comentarios