Álvaro Pérez Becerra, novo presidente da Academia Galega do Audiovisual

Está acompañado na vicepresidencia polo guionista e produtor Pepe Coira e a actriz e cineasta Sonia Méndez.

Pérez Becerra
photo_camera Pérez Becerra

Álvaro Pérez Becerra (A Coruña, 1989) foi elixido por unanimidade novo presidente da Academia Galega do Audiovisual (AGA), na asemblea xeral que decorreu  o 4 de xuño. Está acompañado na vicepresidencia polo guionista e produtor Pepe Coira e a actriz e cineasta Sonia Méndez. Unha nova etapa, indican dede AGA, na que repite a anterior xunta directiva: Carmen Méndez na tesoureiría; Saamira Ganay na secretaría; Óscar Cruz, Susana Veira e Xavi Font nas vogalías, cargo que tamén asume a presidenta saínte Ana Míguez, e Fernando Alfonsín, que entra no equipo en substitución da actriz Isabel Naveira. 

Convértese así no presidente máis novo das oito academias de cine e audiovisuais que existen na península. Un dos seus desexos para o mandato é que "moitas rapazas e rapaces que agora rematan de estudar e pensan na posibilidade de dedicarse a isto non vexan tan lonxe ese obxectivo. Como sector temos tamén o reto de buscar as fórmulas para incorporar talento novo constantemente", indica nun comunicado.

O novo presidente sintetiza as metas desta nova etapa cun obxectivo principal: "Reivindicar a importancia do noso sector a través do entendemento entre todas e todos os que formamos parte del ".

Un dos primeiros retos da nova presidencia vai ser a celebración do vixésimo aniversario dos premios Mestre Mateo en 2022:  "Gustaríame que a celebración tivera algo de agradecemento, outro tanto de reinvindicación, para ser conscientes da importancia de ter chegado ata aquí, e moito de futuro, porque soará a tópico, pero estou convencido de que o mellor non chegou aínda". 

Álvaro Pérez Becerra traballa, desde o 2010, en proxectos de audiovisual e artes escénicas a través das produtoras Ainé Producións e Undodez, da man do actor e cómico Xosé A. Touriñán. Como director de produción participa en diferentes formatos de ficción e entretemento para televisión, que compaxina coa produción de espectáculos de artes escénicas e coa produción audiovisual para publicidade desde a axencia Metronoventa. Tamén coordina o traballo de produción de Medio Limón, a produtora de Marta Hazas e Javier Veiga.

En Castelo (Culleredo), participa na organización do festival Castelo Conta, que cada verán pon en valor a tradición oral e a cultura no rural a través da comedia.  Un dos seus proxectos máis recentes, a adaptación teatral do ensaio xornalístico de Nacho Carretero, Fariña, ven de obter cinco candidaturas finalistas nos Premios Max das Artes Escénicas. 

Comentarios