Álvarez Torneiro suma o Premio Nacional de Poesía ao ronsel de "Os ángulos da brasa"

O poeta Manuel Álvarez Torneiro vén de ser recoñecido co Premio Nacional de Poesía 2013 pola súa obra Os ángulos da Brasa. O libro leva camiño de se converter no máis premiado da nosa historia literaria, co Premio da Crítica Española, o da AELG e o Ánxel Casal da Asociación de Editores. 

Alvarez Torneiro
photo_camera Alvarez Torneiro

O premio concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte está dotado con 20.000 euros e recoñece a calquera poeta dunha das linguas oficiais no Estado. O xurado estivo presidido por María Teresa Lizaranzu como directora xeral de Política e Industrias Culturais e do Libro e tiña como vocais a  Inés Fernández-Ordóñez, Basilio Losada Castro, Amaia Jauregizar, Susanna Rafart i Corominas, María Isabel López Martínes, Juan Ángel Juristo González, Juan José Lanz, Ramón Sánchez-Ocaña Serrano, María Ángeles Egido León e Jaime Siles Ruiz.

Creados no 1999 é a primeira vez que o premio do Ministerio de Cultura se concede por unha obra escrita en galego, malia haber entre os seus gañadores un autor nado en Ourense, José Ángel Valente. 

Os ángulos da brasa de Torneiro, editado por Faktoría K de Kalandraka recibiu xa, entre outros galardóns, o Premio da Crítica Española, o da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e o Anxel Casal da Asociación Galega de Editores. A de Álvaréz Torneiro (A Coruña, 1932) está considerada unha das voces máis sólidas da poesía contemporánea. O autor, caracterizado pola súa discreción e pola pouca participación en acontecementos literarios, volve en Os ángulos da brasa á súa poesía na que sobrancean as emocións interiores, a evocación de momentos cotiás que a través das palabras toman forma poética. Despois dunha longa traxectoria como xornalista, tamén singularmente, Torneiro deu a coñecer o seu primeiro poemario cando tiña xa cincuenta anos e publicouMemoria dun silencio.

O crítico Xosé Manuel Eiré, que tomou parte dun dos xurados que premiou a Torneiro, apuntou no seu blogue  Ferradura en tránsito que o libro de Torneiro: “…É un poemario extraordinario, un poemario que logra ser emotivo sen deixar de ser reflexivo, unha ollada sobre a vida desde a altura dos anos e da experiencia, sobre a vida e o ser humano. Un poemario que reconciliará coa poesía a todos aqueles que estean un pouco saturados das formas e contidos da poesía máis vangardista e anovadora, porque esta poesía, como a de sempre, perfectamente medida, calculada, con cada cousa no seu sitio para que a discursividade sexa natural, deixa lugar unha expresividade que non procura o epatante, nunca hai lugar para artificio senón o sentir e a reflexión”.

Comentarios