Eira das Mouras

Altares, rituais e sacrificios na antiga Gallaecia

O arqueólogo e museólogo Felipe-Senén achega, un mes máis, unha colaboración de Eira das mouras, sección do semanario Sermos Galiza ao redor do patrimonio cultural galego, orixe, orixinalidade e o seu estado de cuestión. Esta semana aborda os altares, rituais e sacrificios, os lugares singulares da Gallaecia.

Pena Corneira
photo_camera [Imaxe: Wikipedia] Pena Corneira

7Nunca gustou a soidade e os terrestres procuran a amizade dos celestes, dos deuses e dos santos, así créanse motivos de peregrinación, lugares co seu “genius loci” propicios para o encontro, para a asemblea, santuarios arredor dun esperado milagre. E neles a celebración, as liturxias, insólitos ritos que expresan a necesidade de manter o equilibrio da comunidade. Cada “gens, composta por  grupos familiares coas súas deidades e adoracións, algunhas locais, outras da tribo ou do “populi”, tamén as importadas. Prácticas que perduran dalgún xeito, sabémolo ben na Galiza dos santuarios, baixo deles unha máis longa historia e prehistoria. Encontros que reunían a plebe coas xerarquías, onde mesmo se tomaban decisións transcendentes, matrimonio, lexislativas, liderado... onde sabemos polos galos que os druídas tiñan un patriarcal papel. Custará separar a relixión da política.

Tendemos a asociar os restos, as reliquias do pasado coa morte, cos sacrificios, cos tesouros... cousa dos “mouros”, verba que máis que cos mouros, morenos, musulmáns... está en relación co verbo “moneo” que é memorar, os que nos fan enxergar. Rico repertorio popular de contos de mouros arredor de altares, de singulares lugares onde buscar esperanzas e ofrecer posibilidades que mesmo chegan ao sacrificio do que se quere.

Sacrificios con motivo dunha inauguración, para purificar, suplicar bendición, protección, abundancia, vitoria, sorte sobre eses “outros” que son os inimigos... Desde a sinxela e común ofrenda de viño e pan ás máis complexas, quizais de preparación bélica, sacrificios que requirían vítimas animais. Abundan as testemuñas que, en relación coas guerras, levan ao sacrificio, non só de bestas, especialmente do cabalo, senón tamén con vítimas humanas. O asunto está documentado por inscricións rupestres, como as da área bracarense das Panoias (Vila Real), Lamas de Moledo, Cabeço de Fráguas en Guarda, Marecos en Penafiel... tamén polos textos dos cronistas grecolatinos ou polos obxectos rituais atopados.

[Podes ler a información íntegra no Sermos Galiza 275, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

Comentarios