Cristina Ultreia: "Valoramos o proceso e o froito da imprenta e creamos un contido que ten detrás un debate"

Alouette Machine é unha iniciativa que se define como itinerante, vagabunda e mutante. “É un proxecto que se vai transformando e adaptándose ás circunstancias” e que o constitúen Jeanba Lison e Cristina Ultreia, dúas persoas ás que uniu o gusto pola tipografía e pola ornitoloxía. Aprenderon a técnica tipográfica, fixéronse con materiais de imprentas que fechaban ou que os desbotaban, viaxaron en furgoneta por Europa e déronlle forma a Aloutte Machine. 
Os artífices de Alouette Machine, Jeanba Lison e Cristina Ultreia posan logo dun obradoiro (Nós Diario).
photo_camera Os artífices de Alouette Machine, Jeanba Lison e Cristina Ultreia posan logo dun obradoiro (Foto: Nós Diario).

Como naceu a idea de crear Alouette Machine?

Eu estaba en Barcelona integrando o proxecto da Impremta Col·lectiva Can Batlló e alí, durante anos, fomos aprendendo e recuperando material de tipografía e aprendendo esta técnica antiga; mentres Jeanba participaba nun proxecto que se chamaba La Gazette e que organizaba unha xuntanza trimestral en diferentes talleres de tipografía de Francia, de Suíza, de Reino Unido e do Estado español...

Durante unha semana producíase unha xuntanza no taller e preparábase unha publicación, empregando diversas tipografías e arredor dun tema previamente escollido. Un destes encontros foi en Barcelona e, desde alí, empezamos a argallar a idea de facer un proxecto itinerante. En lugar de ter un taller habilitamos unha furgo con máquinas máis lixeiras, como prensas de probas... e fomos recuperando e reunindo material tipográfico.

E que é exactamente?

Non é unha imprenta, como podemos entender as imprentas hoxe en día, para facer copias de documentos, por exemplo. Nós valoramos o proceso e o resultado da impresión. Dalgunha maneira, o que facemos é un contido que ten detrás todo un debate, un pensamento...

Unha serie de interrogantes e de ideas que dalgún modo tratamos de reflectir no papel. Facemos desde carteis para colar na rúa a obxectos con outro percorrido, alén da produción de copias... Creamos pequenos obxectos impresos para determinadas circunstancias, que poden acabar na rúa, colgados na casa, agasallados, convertidos en postais... Cada un move a súa creación como decida facelo. 

A Covid-19 freou de vez a itinerancia. Até que punto mudou o traballo coa Alouette Machine?

A actividade cambiou moito, porque se trataba de viaxar por Europa e iso xa non é posíbel. A configuración do mundo agora é bastante fechada. Así que, se antes traballabamos dun modo máis imprevisto, isto é, coñeciamos alguén ou chegabamos a algún lugar e comezabamos un proxecto; agora buscamos a maneira de seguir facendo o mesmo por aquí. Colaboramos cos colectivos feministas no 8-M, facemos obradoiros co Ateneo Libertario ou co Liceo Mutante (Pontevedra)...

E en función dos lugares propomos temáticas, nós ou o espazo, e creamos material xuntas, pensando colectivamente. É un proceso lento, non ten a inmediatez que ten todo na actualidade, mais tamén se valora así que as cousas levan tempo, facer implica discutir e chegar a consenso con outras persoas.

Alouette Machine é máis que unha afección, pero é a súa actividade principal? Que tipo de actividades desenvolveron durante este ano de pandemia?  

Vivir unicamente disto non é posíbel pero si é un proxecto de vida. Agora facemos obradoiros sempre que podemos, estamos instalados en Cerdedo-Cotobade e tentamos crear talleres nas bibliotecas, por exemplo, adaptarnos a estas circunstancias e a facer obradoiros por aquí, coas realidades máis próximas, por veces en espazos máis abertos, por veces con entidades institucionais...

Este tempo é así e ímonos adaptando un pouco ás circunstancias. Por exemplo, para as bibliotecas ofertamos talleres de temática vencellada cos paxaros, “Lendas e aves da Galiza”, un tema bo para traballar coa rapazada. E tamén obradoiros enfocados a persoas con interese no deseño da tipografía, na técnica tipográfica, na composición...

Comentarios