Alonso Montero responde a García Negro que un “españolista” pode e “vai defender o galego”

“Un españolista vai defender o galego”. Así respondeu Xesús Alonso Montero ás palabras da nacionalista Pilar García Negro nas que o definía as declaracións do presidente da RAG ao respecto do BNG como debidas a un “españolismo extremista”

Alonso Montero
photo_camera Alonso Montero

A polémica xurdida despois das declaracións de Alonso Montero nas que afirmou que o BNG quería tanto ao galego que “como unha nai que abraza tan forte ao seu neno que o afoga” con respostas do voceiro Xavier Vence e de Pilar García Negro volveu protagonizar o encontro do presidente da RAG cos medios, neste caso, despois da visita do secretario xeral do PsdG-PSOE, Pachi Vázquez.  Nesta ocasión Alonso Montero replicoulle a García Negro tirándolle a connotación negativa ao termo “españolista” pronunciado pola ex-deputada e asegurando que “un españolista vai defender a lingua galega”. 

Alonso Montero definiuse como “autonomista e marxista” e non nacionalista e lembrou que na historia da presidencia da RAG houbo persoas de varias tendencias políticas. “Todos defensores da lingua galega” sinalou. “Non son tan orixinal. Sono moi pouco. Así que este españolista vai defender a lingua galega” garantiu. En canto ás palabras de Xavier Vence, Alonso Montero reiterou que posibelmente se tratase dunha equivocación, xa que dubida de que o “responsábel dunha forza política moi importante” e catedrático na Universidade puidera ter feito esas declaracións. “Coido que foi un problema de mala comunicación” e de equivocacións xornalísticas,  comentou a respecto dos cualificativos de “bocazas petulante” que Vence lle dedicou. 

"Pouco exemplarizante"

Alonso Montero recibiu a Patxi Vázquez e defendeu á saída da xuntanza que a lingua non é de ningún grupo político, asegurando que, en diante, non vai facer referencia a ningunha forza política. 

O editor Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores (AGE) terciou nun debate que cualificou de “conflito artificial, probablemente cunha orixe política que vén de lonxe, un comportamento escasamente exemplarizante por ambas as dúas partes”. Desde a súa bitácora na rede, Bragado falou de “inxustos cualificativos” polas palabras de García Negro e de “escasamente afortunadas” as declaracións de Alonso Montero.  Para o editor, a loita do BNG pola lingua “é unha tarefa patriótica primeira que merece o maior recoñecemento e respecto” ao tamén “o compromiso de toda unha vida do profesor Xesús Alonso Montero coa lingua e cultura de noso”. 

Comentarios