Alonso Montero e Manolo González completan as súas listas

Margarita Ledo e Henrique Monteagudo completan a lista á executiva presidida por Xesús Alonso Montero. Todo apunta a que Xosé Luís Axeitos e Darío Xohán Cabana, serán os novos nomes na candidatura encabezada por Manuel González. Pechada a posibilidade de acordo, o plenario prepárase para escoller a nova dirección da Academia. 

Alonso Montero e Manuel González
photo_camera Alonso Montero e Manuel González

A pouco de que o sábado ás doce da mañá comece o pleno do que sairá o substituto de Xosé Luís Méndez Ferrín na presidencia da RAG, os candidatos xa teñen pechadas as súas listas, completando as dúas vacantes que deixaran pendentes dun posíbel acordo. Margarita Ledo e Henrique Monteagudo toman parte da candidatura de Xesús Alonso Montero xunto a Rosario Álvarez e Andrés Torres Queiruga. Pola parte de Manuel González,canda os lingüistas Xosé Luis Regueira e Francisco Fernández Rei presentaranse con toda posibilidade Xosé Luis Axeitos, máis Dario Xohán Cabana.

A candidatura de Manuel González reforza a súa condición de herdeira da executiva anterior de incorporar Xosé Luís Axeitos, secretario e man dereita de Ferrín no seu tempo de presidencia da RAG, unha vez que na súa equipa concorre tamén  Francisco Fernández Rei, membro asimesmo da dirección anterior. Canto a Xesús Alonso Montero, a súa candidatura inclúe a dúas das catro mulleres, que teñen cadeira en Tabernas, Rosario Álvarez e Margarita Ledo. 

A poucas horas do pleno do que sairá o substituto de Ferrín, ningunha das candidaturas se atreve agoirar cal pode ser o desenlace da votación e quen se fará coa maioría dos 26 votos que decidirán o novo presidente da RAG. 

Comentarios