Alonso Montero defende que Filgueira Valverde non era falanxista nin “tecnicamente un franquista”

O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, defende nunha entrevista concedida a El Pais que, malia ser alcalde no tempo de Franco, Filgueira Valverde non era “falanxista nin tecnicamente un franquista”. 

Xesús Alonso Montero
photo_camera Xesús Alonso Montero

Despois da polémica provocada pola elección do erudito e tamén alcalde franquista de Pontevedra, Filgueira Valverde para o Día das Letras Galegas de 2015, Xesús Alonso Montero volve axitar o tema ao defender nunha entrevista concedida ao xornal El País que Filgueira Valverde “non era falanxista nin tecnicamente un franquista”. 

O presidente da RAG, que anuncia que está a preparar un libro sobre a vida e a obra de Filgueira Valverde que se publicará a fins de ano, trata de desmentir a súa ideoloxía franquista e mesmo o xustifica nun dos episodios que máis dano lle fan á súa imaxe: a actitude que tivo diante da condena  a Alexandre Bóveda. “Non foi porque o tribunal militar non o chamou a declarar (...) E aínda que fose, Bóveda xa estaba sentenciado antes do xuízo”, di, ao tempo que contrapón o seu esforzo por conseguir a readmisión de Otero Pedraio como catedrático de Xeografía e Historia, posto do que fora suspendido de emprego e soldo. 

“Cunqueiro, que si vestiu a camisa falanxista, non suscitou un día da discordia. Nin tampouco Herrera Garrido, unha mala escritora e poeta franquista máis fervorosa da península ibérica”, comenta Alonso Montero para quen, nin ter ocupado a alcaldía de Pontevedra de 1959 a 1968 nin ter asistido en Burgos aos actos conmemorativos do XXV aniversario da exaltación da chegada de Franco á xefatura de Estado, nin ser membro do Consello Económico Sindical Provincial de Pontevedra, nin procurador en Cortes supoñen a constatación da súa vinculación co réxime franquista. “Foi alcalde no franquismo, non un alcalde franquista. Estivo nunha comisión depuradora de bibliotecas. Mais non mandou queimar libros como o fixeron os falanxistas”, defende o presidente da RAG para quen a figura de Filgueira neste ano ten que servir para a investigación sobre a súa figura e para o estudo de como sobreviviron na ditadura “persoas que, coma el, non eran tecnicamente franquista”. 

Xesús Alonso Montero, que tivo a Filgueira Valverde como padriño na súa entrada na RAG e co que colaborou intensamente cando era presidente do Consello da Cultura Galega augura un vindeiro Día das Letras Galegas “grande, moi participativo”. 

Comentarios