Alonso Montero critica Sermos, sen o citar, por publicar os poemas franquistas de Filgueira

O presidente da RAG critica Sermos Galiza, meio ao que se refere como "unha publicación periódica galega", por revelar que tres poemas inicialmente atribuídos a Noriega Varela eran realmente da autoría de Filgueira Valverde.

Xesús Alonso Montero
photo_camera Xesús Alonso Montero

No seu número 140, na sección Textos, Sermos Galiza publicou unha entrevista co profesor e investigador Xosé Ramón Freixeiro Mato, a modo de apresentación do seu libro A Poesía oculta de Filgueira Valverde (Baía Edicións).

No volume Freixeiro Mato revela que tres poemas de exaltación do ditador Francisco Franco publicados no Gaiteiro de Lugo, entre 1937  e 1939, eran obra de Filgueira Valverde -o autor ao que se dedica este ano o Día das Letras Galegas, por decisión da RAG- e non de Noriega Varela.

Foi o propio Filgueira Valverde quen fixo circular no seu momento a especie de que os poemas foran redixidos por Noriega Varela. A investigación filolóxica de Freixeiro Mato pon en evidencia, sen sombras de dúbida, o engano: os poemas son de Filgueira Valverde, non de Noriega Varela.

Pois ben, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, critica hoxe Sermos Galiza por publicar esta historia. Nun artigo na Voz de Galicia intitulado Nas Vésperas do 17 de maio, Alonso Montero afirma: "Nesta primavera, unha publicación periódica galega exhumou tres poemas 'de' Filgueira Valverde publicados nos anos da Guerra Civil sen a súa sinatura no 'reportorio' O gaiteiro de Lugo".

Os poemas franquistas si son de Filgueira, mais deben ser desculpados por que foron publicados en plena guerra civil, vén argumentar Alonso Montero

Alonso Montero non cuestiona a investigación de Freixeiro Mato -"hai indicios lingüísticos e, quizais, estilísticos de que a pluma de Filgueira non sexa allea"- e dirixe as suas baterías dialécticas a que "certos medios" [o presidente da RAG elude en todo momento citar Sermos Galiza] "poñan o acento, sen a debida contextualización, en capítulos menores da obra dun intelectual galego que foi unha autoridade indiscutíbel en varios saberes e que, xa nos primeiros anos da posguerra (con menos lóstregos), foi, como adiviñara Alexandre Bóveda en 1935, 'un obreiro da Causa galega'".

En definitiva, os poemas franquistas si son de Filgueira, mais deben ser desculpados por que foron publicados en plena "guerra civil", vén argumentar Alonso Montero, como se non coubese outra actitude distinta á da haxiografía do ditador (a actitude distinta si que a tivo Bóveda, fusilado polos fascistas).

A única biografía de Filgueira deste ano

No seu artigo, que é unha afervoada defensa de Filgueira, Alonso Montero cita outros escritores galegos -Cabanillas, Risco, Francisca Herrera Garrido, "sen excluír a don Ramón Otero Pedraio"- por pretensamente ter rendido tamén pleitesía ao ditador.

Alonso Montero é o autor da única biografía de Filgueira Valverde que se ten publicado este ano, o ano en que se lle dedica o Día das Letras Galegas, co título de Xosé Filgueira Valverde. Unha biografía intelectual (Edicións Xerais). O presidente da RAG entrou na Academia en 1993 a proposta de tres persoas (Filgueira Valverde, Carlos Casares e Ramón Piñeiro) e foi o propio Filgueira quen lle deu resposta ao seu discurso de ingreso.

Comentarios