Alonso Montero chama á "concordia" após gañar a presidencia da RAG por apenas dous votos

O empate na primeira votación rompeuse na segunda e significou a vitoria da candidatura menos continuísta respecto á etapa de Méndez Ferrín por 12 sufraxios contra 10 e unha abstención.

RAG
photo_camera Torres Queiruga, Rosario Álvarez, Alonso Montero, Margarida Ledo e Henrique Monteagudo. Nova directiva da RAG

Con felicitacións e bos desexos dende ambas as partes, mais tamén coas feridas aínda ao descuberto logo dunha inédita confrontación, a Real Academia Galega (RAG) iniciou este sábado unha nova etapa que estará presidida por Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) que venceu na segunda votación por só dous apoios á candidatura continuísta que lideraba Manuel González. Na primeira elección produciuse un empate a doce e unha abstención, mentres que na definitiva -na que xa non contaron os dous votos por correo emitidos- pasaron a ser doce para Alonso, dez para González e mantívose a abstención.

Case dúas horas e media durou a sesión plenaria, que se celebrou na sede da entidade na rúa Tabernas da Coruña e na que se viviu un intenso debate do que non participaron cinco académic@s ausentes -ademais dos dous que aínda non pronunciaron o discurso de ingreso- entre eles Xosé Luís Méndez Ferrín, o presidente dimisionario. Como continuador da súa obra presentábase Manuel González, que saudou tanto en privado como en público ao vencedor e que sinalou que “pode contar” coa súa “colaboración”. Pola súa parte, Alonso Montero -histórico militante do PCE- propuxo como gran reto de cara á súa presidencia “recuperar o clima de concordia logo dunha situación anómala e insólita como foi a demisión do anterior presidente e a presentación de dúas candidaturas cando normalmente na Academia só se presentaba unha”. De feito era a primeira vez que ocorría algo así nos 107 anos de historia da RAG.

Por vez primeira nos seus 107 anos de historia, a presidencia da RAG decidiuse nunha votación dos seus membros

“Houbo un debate intelectual e agora o importante é crear un clima de concordia e tamén de entusiasmo”, declarou Montero unha vez coñecida a súa vitoria, que o converte no duodécimo presidente da RAG. “Non somos a única institución que está ao servizo da lingua galega, pero si a máis comprometida”, engadiu o novo presidente, que insistiu moito na unión de todas “as institucións do país” arredor do idioma propio. “Isto é un voluntariado, pero o marxismo ensinoume que os intereses públicos están por riba dos meus desexos privados”, finalizou na súa primeira intervención como titular da Academia, na que estivo acompañado pola nova directiva, da que fan parte Margarita Ledo no arquivo, Andrés Torres Queiruga como vicesecretario, Rosario Álvarez como tesoureira e Henrique Monteagudo como secretario. “Tratouse dunha xornada histórica para a Academia e para Galiza, non para min”, dixo Alonso Montero.

A sesión comezou ás doce da mañá e non rematou até pasadas as dúas e media, case unha hora máis do previsto. O que máis se demorou foi a propia votación, na que o voto presencial foi secreto e individual nunha sala á parte do plenario. Antes do inicio, ante os numerosos medios de comunicación que acudiron á rúa Tabernas, o escritor, xornalista e académico Manuel Rivas pediu que coa elección chegase “a paz” á RAG. “É importante que haxa paz, e un pouco de amor e de humor. Temos que abandonar esa dialéctica de amigos e inimigos e conseguir que a Academia sexa noticia por alcanzar os seus obxectivos, non por estes episodios”, indicou.

Comentarios