CULTURA

Alonso Montero apúrase a rexeitar calquera acordo normativo co reintegracionismo

Alonso Montero apúrase a rexeitar calquera acordo normativo co reintegracionismo

Pouco tardou Alonso Montero en pechar as portas a calquera acordo co reintegracionismo. O novo presidente da RAG mostrouse tallante na súa primeira entrevista pública na Radio Galega ao afirmar que  non ten previsto mover “nin un pelo” na normativa. Pola contra, o que lle gustaría é desandar o camiño andado, recuperar as do 1982 e renunciar á chamada normativa da concordia. Non o fará por motivos exclusivamente pragmáticos.

Se non fai o intento de volver á normativa do 1982 é polos prexuízos que xeraría no ensino, en especial polo cambios dos libros de texto. Así se manifestou o novo presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, tan só un día despois de ser escollido máximo responsábel da institución que ten competencia no estabelecemento da normativa. 

“Non fun partidario dos cambios da última normativa, gustaríame que se volvese á anterior, aínda que sei que iso sería problemático”, sinalou o novo presidente na súa primeira entrevista na que pechou a porta a calquera reforma a curto prazo. “Non é nin moito menos prioritario tocarlle un pelo á normativa” dixo. A poucas horas de ser elixido, o presidente da AGAL mostrara a vontade de dialogar coa nova executiva da Academia e déralle os parabéns pola elección. 

Confirmou tamén que a Academia non retirará o recurso presentado diante do Tribunal Supremo contra o decreto do plurilingüismo da Xunta. “Vanse levar adiante todas as decisións acordadas nas actas dos plenarios anteriores, non vimos para reescribir a historia senón para continuala”, comentou, como resposta á pregunta de se tiñan previsto retiralo. No entanto, confiou no diálogo coa Xunta, xa que, segundo dixo “o goberno de Galiza ten a obriga de termar por un ben público que se chama lingua galega”. 

Transparencia

“Aínda que non saise victoriosa a miña candidatura, sería un trunfo” sinalou Alonso Montero xa que, ao seu ver, tamén a outra candidatura prometía maior transparencia na xestión ao tempo que afirmou que non se ía facer unha “caza de bruxas” cos familiares da anterior executiva contratados na RAG. Canto ao Audi que tamén tomou protagonismo neste tempo, o novo presidente confirmou que vai viaxar en tren e, cando for preciso, en taxi. 

comentarios