A eólica protagoniza o 'Calendario románico' de O Sorriso de Daniel

A entidade defensora do patrimonio histórico dedica a edición de 2023 do seu popular almanaque aos movementos sociais contra o modelo actual de desenvolvemento eólico.
Almanaque de 2023 d'O Sorriso de Daniel. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Almanaque de 2023 d'O Sorriso de Daniel. (Foto: Nós Diario)

Como cada ano, O Sorriso de Daniel, entidade cultural que ten por obxectivo dar a coñecer a arte románica da Galiza e instar á súa conservación, presenta o seu Almanaque para o ano 2023. O volume xa saíu do prelo e está pronto para a súa distribución.

Na presente edición o ollo fotográfico de Sole Felloza, colaboradora esporádica de Nós Diario, recolle obras do románico tardío presentes en diferentes lugares do país. "Case protogótico de tan tardío", sinalan desde o colectivo.

O Calendario románico aos catro ventos 2023 protagonízao a basílica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz, cuxa construción se remonta ao século X e que é considerada por persoas expertas como a máis antiga das catedrais románicas conservadas no conxunto do Estado español.

Fecha co convento de Santa María de San Lourenzo de Penamaior (Becerreá), e no seu interior inclúe outras xoias do patrimonio arquitectónico románico da Galiza como Santa María de Merza, en Vila de Cruces, ou San Romao da Retorta, en Guntín.

Con todo, se hai algo que define especialmente este almanaque é a súa dedicatoria "a todos os galegos e galegas que están entregando xenerosamente o seu tempo para que a implantación de máis de 300 parques eólicos en tramitación non danen o noso patrimonio románico e respecten a forma de vida das mulleres e homes que viven nas aldeas e vilas do noso territorio".

De feito, na primeira páxina, previa á folla correspondente ao mes de xaneiro, O Sorriso de Daniel, membro da plataforma social Eólica, Así Non, presenta un extenso comentario a modo de editorial con título homónimo que afonda nesta cuestión e demanda "moderación e sentidiño" no desenvolvemento das enerxías renovábeis.

"Igrexas, capelas e santuarios a escasa distancia de aeroxeradores, de subestacións eléctricas, de liñas de evacuación con cableado e torres metálicas de grande altura. Igrexas que van ter que soportar a violencia dunhas obras que se fan a golpe de voaduras e con maquinaria pesada. Xa da afectación visual futura sobre as mesmas nin falamos", alerta a entidade. O calendario xa está á venda en diferentes librarías do país.

Comentarios