Conversamos coa autora da obra 'En tinta negra', gañadora do Certame de Microrrelatos de 'Nós Diario'

Alma Alonso: "No sistema educativo é importante darlle ás novas xeracións referentes do colectivo LGTBI"

Ten 19 anos e está a estudar segundo de Comunicación Audiovisual en Compostela. Soubo do certame convocado por este diario, coa colaboración das asociacións Arelas, Sete Outeiros, Avante LGTBI+ Lugo e a Rede Museística de Lugo (Deputación de Lugo) e animouse a participar porque viu “interesante darlle visibilidade ao colectivo e permitir que a xente achegue as súas historias e poidan escoitar relatos que non son considerados normativos”.

alma_alonso2
photo_camera Moanne, como se alcumou para participar no concurso, estuda Comunicación Audiovisual na USC. (Foto: Nós Diario)

Avante Pouca

Que significa para vostede gañar este premio

En primeiro lugar estou moi contenta de que ao xurado lle gustase o meu relato e tamén moi agradecida de que se poida ter un espazo que permita chegar a máis xente, que ao mellor non está familiarizada co colectivo LGTBI, ou que nunca pensou en que houbese outra realidade diferente á que coñece. Tamén me parece interesante, e gustoume, ver que participou tanta xente, porque coido que é necesario que isto se faga e se visibilice e que a xente se anime a contar a súa historia desde o seu punto de vista.

O xurado dixo do seu texto que "a palabra ten un poder fascinante" e que "logra capturar o poder liberador de atopármonos nesa palabra impresa". Como recolle vostede estes eloxios?

Gustoume moito o que dixeron e ao ler o seu ditame creo que conseguín transmitir ben o que quería dicir. O relato está baseado nunha experiencia persoal real, a min isto pasoume, non exactamente como o escribín, pero si que me sucedeu cando estaba no instituto. Son cousas que para unha persoa heterosexual se cadra non teñen ningunha importancia, porque hai referencias por todas partes pero, no seu momento, eu quedei impactada de verme representada nun libro texto e é algo que sempre lembro con certo cariño.

Avante Media

Foi unha dificultade a extensión do relato?

Crecín rodeada de libros, de pequena ía a contacontos, participei en diversos clubs de lectura en Gondomar, e tamén escribo desde que era pequena, a maior parte das veces para min. Condensar a historia nun texto breve para min foi sinxelo, o feito de que se tratase de microrrelatos resultoume doado, porque é o que me gusta escribir, cousas curtas, textos breves ou relatos, así que estou afeita a esa pouca extensión nas historias.

Parece que seu o interese pola literatura vai máis alá...

A verdade é que si. Interésame todo o que ten que ver con contar historias en xeral, pero si que me gustaría seguir escribindo, igual publicar no seu día, que nunca se sabe. Escribir é unha parte moi importante de min, sexa para ler eu ou para que lean outras persoas, pero si que está en min como persoa e como identidade. Contar historias, tanto no nivel literario como no audiovisual, agora que estou a estudalo, interésame moito. 

Avante Toda

Que opina de que a temática do certame fose a diversidade sexual?  

Eu son bisexual e, cando penso en min na idade na que ía ao instituto, si que me tería gustado ter máis referentes, que é un pouco do que vai o relato. Tanto na vida en xeral, como no sistema educativo, é importante darlle ás novas xeracións referentes do colectivo, para que poidan entender que cis ou heterosexual non é a única realidade, que cando un rapaz ou unha rapaza medran e se decatan de que non son heterosexuais, senón que forman parte do colectivo, que non se lle creen tantas dúbidas e que poidan aforrar ese proceso de inseguridade. Saber que non é algo illado, que non estás soa niso. Precisamente porque cada vez hai máis visibilización e máis referentes que o permiten, vexo na xente máis nova ca min que se dá conta  da súa opción sexual moito antes do que eu me decatei. Por exemplo, vexo que xa non teñen tanto problema en verbalizalo. Porque é o que ten que ser, é algo natural. Notar ese cambio paréceme moi bonito.

Comentarios