Allariz será a capital da música medieval galega

Do 23 ao 29 de agosto, Allariz convertirase na capital da música medieval en Galiza. Organizada pola Fundación Vicente Risco, a I Semana de Música Medieval en Galiza ten como obxectivo difundir o noso patrimonio musical. 

Resonet
photo_camera Resonet

Coordinada por Resonet Música Antiga e organizada pola Fundación Vicente Risco, a I Semana de Música Medieval en Galiza terá lugar no concello de Allariz do 23 ao 29 de agosto. O programa xira arredor do curso de música medieval, máis ten como obxectivo “difundir o máis importante patrimonio musical do ámbito “culto” da historia de Galiza”. 

Concertos, conferencias, visitas e outras actividades artellan un programa destinado non só a aproximar ao público á musica do medievo senón tamén a poñer en valor o patrimonio do territorio que vai a carón do Arnoia. Quere, ao tempo, “servir de reclamo académico, cultural, turístico e de posta en valor destas terras do interior”. 

As “Cantigas de Santa María” de Afonso X “O Sabio” terán nesta ocasión un espazo especial nunha programación que achegará especialistas nos distintos instrumentos como laúdes, frautas, chirimías, zanfonasou percusión medieval ademais do canto. A Fundación Vicente Risco busca darlle á actividade unha dimensión internacional tanto polos contidos como polo rico repertorio da música medieval en Galiza. O programa do curso pódese descargar aquí. 

Comentarios