Nova edición da Festa do Boi

Allariz é boi

Unha nova festa do boi arrinca o sábado 15 de xuño e estenderase durante oito días cunha chea de actividades que converten Allariz en referencia cultural e festiva en toda a Galiza. Até o domingo 23 sucederanse carreiras, ruadas, concertos, xantares populares e recreacións teatrais no marco desta festa declarada de Interese Turístico Galego e que conta cun forte arraigo veciñal.

Cartel da festa 2019
photo_camera Cartel da festa 2019

‘Aí vén o boi’ de Allariz. Unha nova edición da festa do boi chega ao concello alaricán, arrincando o sábado 15 de xuño e estendéndose até o día 23 cunha programación diaria de actividades que fan desta vila o epicentro da cultura e a festa galega. Carreiras, ruadas, concertos, xantares populares e recreacións teatrais celebraranse sen parón no marco deste evento declarado de Interese Turístico Galego.

BOI 3O sábado 15 de xuño arrinca a programación coa chegada dos bois a San Salvador, a celebración do xantar campestre, a recreación do teatro do boi e as ruadas amenizadas coa música de grupos como os Festicultores Troup.

O domingo 16 inaugúrase o mercado medieval e recréase a orixe da festa coa procesión do Xan de Arzúa. Posteriormente é a quenda para o inicio das carreiras do boi. E desde aí, estas carreiras e diversas actividades non paran de celebrarse todos os días da semana até culminar na tardiña do domingo 23 de xuño coa maratón do boi e a despedida do Xan de Arzúa co seu traslado até a Casa do Boi na compaña da charanga O Equipo B.

En declaracións da alcaldesa de Allariz a Sermos Galiza, Cristina Cid (BNG), o máis grande da festa do boi é o seu arraigo entre a veciñanza e a súa participación; de feito sinala que nesta edición hai máis de 600 persoas colaborando na organización e na intendencia, sen contar ao persoal municipal que tamén participa na montaxe. Cid pon en valor ademais todo o traballo realizado pola Asociación Cultural Xan de Arzúa, que é a organizadora da festa. Para a alcaldesa nacionalista “o boi é Allariz” e ten moito que ver coas ansias de futuro da poboación da vila, pois tanto a recuperación da festa como o cambio de goberno que levou o BNG á alcaldía e con el, o inicio da transformación de Allariz, foron case ao mesmo tempo.

BOI 2As orixes

Conta a historia que alá polo século XIV vivía no barrio de Santo Estevo de Allariz, nos extramuros, unha poboación xudía, artífice dun potente dinamismo económico mais fortemente acosada polas autoridades cristiás residentes dentro da cidade amurallada.

No ano 1317 Xan de Arzúa subiu a lombos dun boi e xunto os seus criados e cargado de sacos con formigas encabezou a procesión do Corpus

Cando chegaba a festividade do Corpus, a procesión do Santísimo saía da zona amurallada para achegarse ao convento, momento que aproveitaba a comunidade xudía para vingarse da oficialidade cristiá berrando e lanzando insultos ao paso da procesión. Xan de Arzúa, un fidalgo alaricán moi relixioso quixo pór fin a esta situación, e na procesión celebrada no ano 1317 subiu a lombos dun boi e xunto os seus criados e cargado de sacos con formigas encabezou a procesión do Corpus. Cando os xudeus apareceron para boicotear o acto relixioso, Xan de Arzúa espantounos a base de cornadas e chuvia de formigas.

Hai versións que relatan a visita dun cabaleiro forasteiro tamén chamado Xan de Arzúa que ao visitar Allariz desafiou a prohibición da vila que ditaba que as persoas que chegaban de fóra non podían cruzar a vila montadas a cabalo. Cando o obrigaron a baixar do seu corcel, Xan de Arzúa subiu de inmediato a un boi e cruzou Allariz.

Todas as versións sobre a orixe da festa coinciden en que Xan deixou unha manda de bois en na vila para que a veciñanza puidese imitar a súa acción todos os anos. Así, o Xan de Arzúa é o alcume que as veciñas e veciños dan o boneco de palla que en cada edición da festa penduran do balcón da casa consistorial.

Desde aquel fito histórico todos os anos saíu o boi coincidindo co Corpus até a súa suspensión en 1936 pola guerra. Posteriormente a tradición foi esmorecendo até perderse definitivamente a finais dos anos 60.

Coa chegada do BNG ao goberno após a revolta veciñal de 1989 a festa foi impulsada en todos os seus planos

En 1983, un grupo de mozas e mozos de Allariz decidiron recuperar a festa e desde aquelas o boi volveu correr por Allariz. Coa chegada do BNG ao goberno con Anxo Quintana após a revolta veciñal de 1989, a festa foi impulsada en todos os seus planos e a participación foi en ascenso, gañando en popularidade e proxección pública até estender a súa duración a dez días e ser declarada de Interese Turístico Galego.

BOI 1O boi alén da festa

“Allariz é boi” di a alcaldesa Cristina Cid. Razón non lle falta, pois alén da festa, este mamífero é elemento fulcral dunha iniciativa pioneira do concello desde que hai seis anos se decidiu apostar na súa crianza. O boi está pois a xerar emprego no concello, produce carne de calidade e mantén a superficie forestal limpa para evitar incendios.

A idea comezou  en 2013, e desde entón críanse bois en distintas parroquias de Allariz durante cinco anos e abastecen a hostalaría local, axudando a fortalecer unha economía circular. Agora mesmo contan con catro explotacións e 56 bois, e o obxectivo a medio prazo sinala Cristina Cid que está na exportación de boi de Allariz.

Os resultados máis visíbeis desta iniciativa que desde a Alcaldía se sinalan son o emprego directo xerado nestas explotacións, os postos de traballo que se crean a maiores ligados ao sector primario, a recuperación de superficies forestais e o medre da actividade hostaleira ligada a este sector.

 “Decidimos poñer no mercado produtos que teñen unha calidade importante e valor engadido” sinala Cristina Cid

Allariz, marca de calidade tamén en carne de boi

O concello conta cun regulamento onde se especifica todo o relacionado coa crianza do boi e a comercialización co obxectivo de garantir que o que se vende é boi de Allariz.

 “Decidimos poñer no mercado produtos que teñen unha calidade importante e valor engadido, por iso no seu día decantámonos polo queixo de ovella curado, xa que non o había daquelas na Galiza” sinala Cristina Cid e engade que agora co boi tamén están comercializando a marca de calidade de Allariz.

Comentarios