Cultura

A revista 'Nature' publica un estudo con participación galega sobre a alimentación na Prehistoria a partir do uso da cerámica

A análise química dos restos de graxas de animais, cera das plantas, aceites de peixe e resinas preservados nas cerámicas prehistóricas permitiu ao equipo liderado pola doutora Miriam Cubas explorar os usos destes recipientes polas comunidades neolíticas, como a que habitou a Cova de Eirós.
Restos dun vaso do neolítico atopado na Cova de Eirós (USC).
photo_camera Restos dun vaso do neolítico atopado na Cova de Eirós (USC).

"O noso estudo ofrece unha ampla comparación rexional sobre o uso da cerámica durante a Prehistoria. Estes resultados contribúen a obter máis información sobre como viviron os grupos humanos durante este proceso de cambio tan transcendental que supuxo a introdución da gandaría e a agricultura", salienta Miriam Cubas, investigadora nas universidades de Nova Iorque e Oviedo e líder do proxecto que acaba de publicar a revista especializada Nature Communications.

O equipo liderado pola doutora en Arqueoloxía Miriam Cubas recuperou e analizou residuos das actividades culinarias en olas usadas polas sociedades prehistóricas de hai entre 7.500 e 5.500 anos. Entre eses restos está un vaso cerámico da Cova de Eirós, en Triacastela, recuperado polos investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Ramón Fábregas e Arturo de Lombera. 

O vaso da Cova de Euirós empregouse para o procesado de vexetais e carnes de rumiantes

A análise dos lípidos deste recipiente galego permite concluír que foi empregado para o procesado de vexetais e carnes de ruminantes, un dato que achega aos investigadores aos costumes alimentarios das primeiras sociedades agricultoras e gandeiras da costa atlántica do continente europeo. O vaso da Cova de Eirós forma parte da achega ao proxecto do Grupo de Estudos para a Prehistoria do NO Ibérico. Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT), coordinado polo catedrático Ramón Fábregas na USC. 

A análise química dos restos de graxas de animais, cera das plantas, aceites de peixe e resinas preservados nas cerámicas prehistóricas permitiu ao equipo de Cubas explorar os distintos usos destes recipientes por parte das comunidades neolíticas, e particularmente a súa relación coas actividades agrícolas e gandeiras. Os resultados reflicten unha gran variación no uso das cerámicas entre estas comunidades.

Un consumo de lácteos desigual

De feito, entre os recursos identificados, cómpre destacar os produtos lácteos, cuxa presenza se incrementa cara á zona norte de Europa, a rexión atlántica francesa e as Illas Británicas. O estudo revela que o consumo de lácteos entre as primeiras poboacións campesiñas de Europa era moi desigual. 

O estudo é importante para a comprensión da evolución da tolerancia á lactosa nos adultos en Europa

As autoras deste proxecto de investigación conclúen que estas diferenzas poden estar relacionadas coas diferentes actividades gandeiras, cunha maior presenza do gando vacún no norte e unha gandaría centrada nas ovellas e as cabras, no sur de Europa. Na Península Ibérica, estas prácticas culinarias dan conta da importancia dos recursos cárnicos procedentes dos animais domésticos (ovella e cabra) que se introducen neses momentos.

"As diferenzas a respecto da frecuencia de aparición dos produtos lácteos poderían ser importantes para a comprensión da evolución da tolerancia á lactosa nos adultos en Europa. Hoxe en día, as mutacións xenéticas que permiten aos adultos dixerir a lactosa presente no leite teñen unha maior presenza na zona noroeste de Europa que nas rexións do sur", sostén o profesor Oliver Craig, do Departamento de Arqueoloxía da Universidade de York, que tamén tivo unha participación activa nesta investigación.

240 cerámicas do neolítico 

Un dos achados máis sorprendentes é a ausencia de alimentos mariños nas cerámicas documentadas, mesmo, en xacementos arqueolóxicos situados en zonas de costa, onde estes recursos alimenticios están claramente dispoñibles. Unha excepción é a zona do Báltico onde tanto os recursos lácteos como os alimentos de procedencia mariña foron preparados na cerámica.

O cometido desenvolvido por este amplo equipo permitiu analizar os residuos orgánicos conservados en 240 cerámicas do Neolítico antigo procedentes de 24 xacementos arqueolóxicos situados entre Portugal e o Báltico.

Os resultados do proxecto contribúen a estender o coñecemento sobre as prácticas culinarias destas primeiras sociedades agrícolas, o papel que desempeñaron os distintos alimentos e o seu impacto na dieta das primeiras comunidades campesiñas.

Comentarios