CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Alien: Covenant

aliencovenant2
photo_camera Un fotograma do filme

ALIEN: COVENANT

(EUA 2017, 122 min.) 

Dirección: Ridley Scott

Guión: Dante Harper e John Logan

Fotografía: Dariusz Wolski

Música: Jed Kurzel

Elenco: Michael Fassbender, Katherine Waterston, Billy Crudup, Danny McBride, Demián Bichir, Carmen Ejogo, Uli Latukefu, Guy Pearce, James Franco

SINOPSE

A tripulación da nave Coventant aterra nun planeta inexplorado que semella un paraíso cheo de recursos. Non imaxinan os horrores que agocha.

CRÍTICA

Alguén que fora responsábel de facer obras mestras coma Alien (1979) e máis Blade Runner (1982) xa ten xa gañado, por méritos propios, un lugar privilexiado no Olimpo dos Deuses da Sétima Arte. Calquera tropezón que veña despois estará, de facto, perdoado pola bancada cinéfila. Dun tempo a esta parte, a indulxencia vitalicia de Ridley Scott, estábase a converter nun verdadeiro acto de fe camiño da billeteira. Con O conselleiro semellaba ter tocado fondo, e xa con Exodus: deuses e reis as sospeitas facíanse tristemente realidade. O (case) octoxenario director británico parecía estar sen ideas ou, o que é peor, diluído na poderosa maquinaria hollywoodense. Pero chegou The Martian, un best-seller co que Scott aproveitou para recobrar o pulso que se lle presupón, malia que non deixaba de ser un filme palomiteiro... Con estes indicios de recuperación, co ego xa recuperado, e co proxecto de Blade Runner 2049 no horizonte, era hora de arranxar o desaguisado de Prometheus, o primeiro capítulo da triloxía/precuela de Alien que, se ben era unha boa idea, estaba empacada nun barullo dixital de monstros, varios finais in extremis que non aportaban e tampouco acababa de encaixar de todo co filme orixinal nin como precuela, nin como alternativa, nin como nada... Scott ponse ao leme de novo, nesta segunda parte, co reto persoal de recuperar a parroquia fanática de Alien, que andaba algo tibia... pero antes de nada hai primeiro que pasar por alto o sempiterno tema da tecnoloxía superior ao que se supón que debería ser coa súa posterior en cronoloxía (malia que se filmase antes), pero isto é algo ao que George Lucas xa nos curou de espanto coa precuela de Star Wars. Ben... obviando isto hai que dicir que Alien: Covenant, se ben non é, nin por asomo, a mellor da saga (como moito mellor que Alien 3, o cal tampouco era moi difícil) si que recupera o que se espera dun filme de Alien. A historia sitúase en 2104. A nave espacial Covenant transporta unha tripulación de 15 persoas, e 2000 colonos, coa misión de chegar a un planeta exterior e colonizalo. Un fallo electromagnético esperta a tripulación moito antes da chegada. Un sinal desvela un planeta próximo descoñecido que podería ser unha alternativa viábel ao planeta destino orixinal, pois axústase aos baremos de vida. Botando un ollo ao título do filme xa sabemos que atoparán algo co que non contaban... mais tampouco co que vostedes cren que van atopar. Ben si... pero non. O certo é que Scott xoga ao despiste coma un tafur durante toda a metraxe: por momentos semella un déja vu das anteriores, pero tamén logra sorprender con xiros de guión que semellan levar a camiños non explorados na saga, aínda que si explorados por el mesmo. Soñan os androides con alieníxenas eléctricos?... E ata aquí podo ler. Encabezan o reparto Michael Fassbender, que repite no rol do sintético David, e Katherine Waterston, como sosias da tenente Ripley pero con menos carácter. Chama a atención o rescate das características notas de Jerry Goldsmith que xa soan nos títulos de crédito para xúbilo do persoal, e tamén é de agradecer a xenial homenaxe, a modo de debuxos, ao artista gráfico H.R. Giger, creador do deseño da criatura orixinal e demais atmosferas terroríficas. Bótase moito de menos a súa colaboración, mais souberon captar bastante ben a súa esencia sinistra. Alien: Covenant non defrauda, pero tampouco entusiasma... Fai algo máis boa Prometheus (pois lle dá sentido) e invita pensar que, de seguir nesta liña, a triloxía/precuela pode rematar cun desenlace dignísimo que conecte sen fisuras coas aventuras da tenente Ripley. Veremos...

Comentarios