Alicia Suárez: "Dígolle ao alumnado que o debuxo, a imaxe e a creatividade son esenciais para o pensamento"

Alicia Suárez é ilustradora e profesora de debuxo no ensino secundario desde 1998. O seu traballo pasou nestes anos por editoriais de prestixio como Xerais e Kalandraka, entre outras. Nesta segunda participa no proxecto Makakiños para persoas con necesidades de apoio educativo, en colaboración coa a Asociación do Tratamento do Autismo (BATA). Os contos e os libros son o seu mundo desde pequena. En Nós Diario falamos con ela coa intención de achegármonos ao seu mundo creativo e á situación das artes plásticas no ensino actual. 
A ilustradora e profesora de ensino secundario Alicia Suárez (Nós Diario).
photo_camera A ilustradora e profesora de ensino secundario Alicia Suárez (Foto: Nós Diario).

-Como naceu o seu interese polo debuxo?

Desde moi pequena chamáronme a atención as ilustracións dos contos. Eu chámome Alicia como o personaxe de Lewis Carrol, de nena  tiña un fermoso conto ilustrado da pequena Alicia, recordo que tiña unhas fermosas ilustracións e a que máis me fascinaba era aquela onde Alicia esbaraba polo burato do tobo do coello e todo voaba ao seu redor tratábase da entrada ao país das marabillas. Como non me ía a impresionar aquela visión!

Quizais esas foron as primeiras ilustracións ás que tiven acceso e que me chamaron a atención e quizais por aí comeza o meu interese polo debuxo e a ilustración.

 Na etapa na que tiven que decidir o meu camiño profesional, a Facultade de Belas Artes chega a Pontevedra e eu tomo aquel camiño. Estes estudos danme a oportunidade de dedicarme á educación artística e combinalo co mundo profesional da ilustración.  

Cando estou cos meus alumnos síntome profesora e considero que é unha profesión moi gratificante, mais cando ilustro sinto que me comunico cun público máis amplo ao que non poño cara, como aos meus alumnos, pero sei que están alí. O debuxo e a ilustración son a miña paixón e podo dicir que son un dos piares básicos da miña felicidade.

-De que maneira afronta a creación de ilustracións dun libro?

O primeiro sempre é o encargo da editorial. Vivo ese momento coa mesma ilusión que cando ilustrei o meu primeiro libro porque cada libro é diferente, cada proxecto é un desafío e vívoo coa mesma ilusión. Entón, chega a primeira lectura do texto que teño, que para min é fundamental e sempre a afronto cun lapis na man porque sei que xa  van saír cousas dela, algunha paisaxe, sentimentos, algún sorriso dalgún personaxe, algo, sempre algo... 

Despois desa primeira lectura, chegará unha segunda e despois outras moitas. Mentres bosquexo ás veces recito partes do texto na miña cabeza até que as imaxes comezan a falar por si mesmas e as personaxes, que eu mesmo estou creando, tamén empezan a dicirme cousas. Entón sei que as ilustracións comunican e as lectoras escoitaranas.

Sei que o proceso creativo xa está en marcha e que agora marca os tempos e os desenvolvementos e nese intre xa só teño moitas horas de traballo por diante. O proxecto remata e despídome dos personaxes cun adeus ou cun vémonos despois.

-Cre que está ben valorada a materia de debuxo no sistema educativo actual?   

Tiven a sorte de comezar no ensino moi nova, nada máis saír da universidade empecei a dar clases, mais eu xa daquela era ilustradora  e xa publicara os meus primeiros debuxos.

Hai anos era normal ver un álbum ilustrado que non levaba o nome do ilustrador na portada, pero asociacións como AGPI, que é a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, fixo que as cousas mudaran, aínda que queda camiño por percorrer. Eses mesmos pasos deben darse no ensino artístico e no ensino medio. As Artes Plásticas e Visuais deben ocupar o lugar que sempre lles correspondeu porque o debuxo, a imaxe, a creatividade son esenciais para o pensamento, por iso recoméndolle aos meus alumnos que pensan unha idea sempre cun lapis na man. Como non vai ser importante a imaxe e o pensamento visual!

Como non vai que ocupar un lugar moi importante no ensino? Se a  palabra xunto coa imaxe son ferramentas do pensamento! A palabra e a imaxe deben ir sempre da man como nun bo álbum ilustrado.

Comentarios