Contracultura

Alicia Jaraba: "Segue a haber moito estigma sobre a banda deseñada, custa vela como un obxecto de cultura"

Alicia Jaraba Abellán (Vigo, 1990), licenciada en Filoloxía Hispánica e Francesa, foi consolidando pouco a pouco unha carreira prometedora no mundo da banda deseñada. Tras gañar varios premios, comezou a colaborar con editoras francesas, debuxando tomos para series como 'Les detectives du surnaturel' (Jungle Frissons, 2018) ou 'L'onde Dolto' (Seuil-Delcourt, 2019). Coa editora francesa Grand Angle aparece este ano 'Celle qui parle', unha obra que foi traducida ao castelán como 'Yo soy la Malinche' (Nuevo Nueve, 2022) e na que, por primeira vez leva as rendas de debuxo e guión. Será unha das convidadas no "Viñetas desde o Atlántico" deste ano, cunha exposición na Sala Palexco.

A autora de banda deseñada Alicia Jaraba. (Foto: Thomas Samson / AFP)
photo_camera A autora de banda deseñada Alicia Jaraba. (Foto: Thomas Samson / AFP)

—Como comeza a súa relación co mundo da banda deseñada e como acaba traballando no ámbito francés?
Son filla de Fran Jaraba, entón o contacto co mundo da banda deseñada tíveno moi cedo. Tiven a sorte de vivir nunha casa onde había moitos cómics e puiden ler os clásicos de pequena, aínda que despois na adolescencia me interesei máis polo manga. Sempre me interesou debuxar pero mentres fixen as carreiras en Filoloxía non lle dediquei moito tempo. Foi ao acabalas cando decido tomar un ano sabático e marcho a Madrid a facer un curso na escola Esdip. Ese ano foi unha revolución para min e empezou a cambiar a idea que tiña de ser profesora de linguas.

Estiven en contacto con persoas que tiñan a banda deseñada como primeira actividade e decateime de que podería vivir diso. Comecei a facer pequenos proxectos e presentalos a premios, e fun gañando algúns. Tiña xa unha bolsa concedida para ir a Francia a ser profesora e nese ano de traballo descubrín dúas cousas: que me gusta ensinar pero non ser "policía de adolescentes" e, a segunda, o festival de Angoulême, o máis importante de Europa dedicado á banda deseñada. Levo algúns proxectos alí e acaba saíndo o meu primeiro traballo como profesional.

—Pensa que sería posíbel desenvolver unha traxectoria profesional así na Galiza ou no ámbito do Estado?
Teño bastante claro que non. Aquí hai algúns apoios e subvencións, que sempre poderían ser máis, pero o cambio vén máis da consideración que existe en Francia pola banda deseñada. Aquí hai moito estigma aínda: moita vinculación co ocio xuvenil ou con grupos de interese moi específicos. Na cultura francesa consideran o cómic un obxecto máis de cultura, á altura dun libro ou dun filme: cando vas á casa de alguén case sempre teñen cómics nos andeis. A industria manexa uns volumes que permiten pagar para que os autores poidan vivir diso. No caso específico da banda deseñada galega a distancia é aínda maior, aínda que temos entusiastas e proxectos como Demo Editorial que fan un traballo moi meritorio.

—De que fala ese Celle qui parle-Yo soy la Malinche?
É unha novela gráfica que fala das orixes da protagonista antes de que sexa ela. Quería contar, non os feitos, senón o mito fundacional deste personaxe. Como as circunstancias persoais, sociais e históricas a levaron a converterse nesta figura, que é central na cultura mexicana. Malinche foi unha indíxena que traballou de intérprete para os conquistadores españois e foi amante de Hernán Cortés.

Pasou á historia como unha traidora á causa indíxena, aínda hoxe en México refírense a ela como "la chingada". Interesábame mostrar como acaba xogando ese papel, a posibilidade de decidir, e tamén como pode sobrevivir empregando a súa facilidade para as linguas. Para min é un proxecto moi importante tamén porque é a primeira vez que asino toda a obra, até agora ocupeime sobre todo de debuxar guións doutras autoras.

—Hai algo de Alicia Jaraba nesa dimensión da muller entre varias culturas que é a Malinche?
Totalmente. Vivín en moitos sitios e sei ben o que é esa sensación de non estar na casa en ningún lado. Indo a Angoulême eu tamén fixen de intérprete, pois era a única do meu grupo de amigos que falaba francés con fluidez. Traducía do español, pero tamén do portugués e cheguei a traducir do italiano. Serviume para decatarme da profundidade que hai nesa tarefa: non só traducir as palabras, senón o sentido cultural para que poidan entenderse. Empatizo moito con esta característica de mediadora entre linguas e culturas da Malinche e ten moita importancia na obra.

Comentarios