mércores 28/10/20

‘Alguén que respira!’ reclama unha relación non xerárquica entre as linguas

A reivindicación da poesía como xeito de crear comunidade. A perspectiva ecolingüística. A denuncia do desequilibrio nas relacións de poder, todas elas políticas: de xénero, de clase, de nación. A reflexión sobre a identidade galega e as súas contradicións. A visibilización do poema nos seus diferentes formatos, do máis clásico ao máis popular. Foron algúns dos alicerces do III festival Alguén que respira!, que tivo que reducir o seu programa e mudar as súas datas por causa da Covid-19.

Actuación do grupo Rompente no festival (Imaxe: Celia Carballido)
Actuación do grupo Rompente no festival (Imaxe: Celia Carballido)

Ir a un teatro como exercicio non só de reafirmación contra o medo, senón como un acto político. Como unha maneira de reivindicar a relevancia social e vital dunha cultura que é segura. De mostrar que a distancia será física, pero non mental nin afectiva, porque seguimos a ser comunidade en tempo de segregación. O director do Alguén que respira!, Antón Lopo, repetía isto nas súas presentacións de cada un dos espectáculos que conformaron a terceira edición deste festival compostelán de poesía, que concluíu na tarde da segunda feira. E a intervención dos diversos participantes -perto de corenta- non deixou de confirmalo.

Dicía María Reimóndez que non somos unha sorte de arbusto continxente, de efémero adobío consumista como unha árbore de Nadal, senón acivro rebelde de tronco rexo. Sempre vivo, latexante, agardando pola liberdade. Foi en Linguas elementais, o recital musical que compartiu con Mercedes Peón para fechar o Alguén que respira!. Un dos máis enérxicos espectáculos do festival, pese aos atrancos técnicos que xurdiron ao principio. Linguas elementais é, na súa orixe, un tema do disco Déixaas de Mercedes Peón. Nel, é o alemán a lingua tratada como exótica e é o galego a que dá sentido. Toda unha alegación ecolingüística, anticolonial e feminista, como o foi o recital, baseado nesta canción, que puido verse no Alguén que respira!.

Co discurso antipatriarcal de Reimóndez e Peón conectou, coa forza inmensa do seu recitado, Rosalía Fernández Rial, que compartiu con Rafa Lobelle e Lara López o acto  Poetas en escena no terceiro serán do Alguén que respira!. “Arei, sementei, traballei na corte e ningún home o fixo nunca mellor ca min”, dicía Rial, coa súa inesquecíbel presenza escénica. Antes ca ela, Rafa Lobelle, autor da plaquette Cotodamina (Chan da Pólvora), achegou ao público tamén con grande atino escénico a súa xeografía dos afectos tecida nun rural esmorecente.

Comezara o Poetas en escena Lara López, quen leu versos dos seus libros Insectos e Derivas e cuxa reclamación de aplausos que interrompesen, nos silencios, a súa intervención, creou un ambiente moito máis cálido para o que veu despois. Entre outras propostas, o saúdo a escuras e sen imaxes -agás as da breve presenza ao final de Juan Loriente- de Pablo Fidalgo a Fran Cortegoso. Abisal achegamento ao poeta ausente realizado unicamente desde a lectura e interpretación dos seus textos. Un ton moi diferente tivo a volta de Rompente aos escenarios no seo do Alguén que respira!. Cun ritmo vibrante, Antón Reixa, Manuel R. Romón e Alberto Avendaño leron textos inéditos e históricos do grupo en Que hostia din os rumorosos?, recital fragmentario que actuou como metáfora, aínda, das contradicións dun país en desbocado proceso de transformación.

Ler Galiza

Mais se Alguén que respira! serviu para ler Galiza, demostrouno sobre todo un dos recitais máis especiais das tres xornadas do festival: o Atravesei a cerca, ascenso emocionante -exclusivo para grupos de dez persoas- polas entrañas do Teatro Principal. Alí agardaba, en primeiro lugar, Samuel Solleiro, que igual que cando escribiu O mundo dos vivos desde o impulso naïf de contar a verdade, reivindicou a verdade que pode conter o cursi. No ambigú, Carlos Quiroga leu, entre outros textos, un “exabrupto” reintegracionista no que rexeitou aceptar, como tal, as “migallas” do sistema cultural galego.

[Podes ler a información completa no Nós Diario de 23 de setembro de 2020, á venda mañá nos quioscos ou a partir desta noite na loxa. Se non es subscritora ou subscritor podes facelo aquí]

comentarios