O Alguén que respira! dá a coñecer os lugares ocultos de Compostela

Última xornada da programación de setembro do festival, que descubrirá lugares inéditos no barrio de San Pedro guiados por varios artistas.
Centro Sociocultura da Trisca. (Turismo de Santiago)
photo_camera Centro Sociocultura da Trisca. (Turismo de Santiago)

Sechu Sende, Javier Peñafiel e Castillo Suárez porán voz na cuarta feira, 22 de setembro, a partir das 19.30 horas ao último acto neste mes do festival Alguén que respira!,

Os espazos inéditos que percorrerán concéntranse no barrio de San Pedro. Alí, as e os asistentes poderán descubrir o xardín da Maceta, a terraza do centro sociocultural da Trisca e o museo ao aire libre de Berto Leis.

Nesta cuarta edición do festival, que se divide en catro programas anuais e coincide sempre nos días de solsticios e equinoccios, salientan que saen da súa sede oficial, o Teatro Principal, para achegarse a “tres horizontes moi distintos de Compostela”.

A capacidade para a xornada é de 25 persoas, polo que as entradas estarán dispoñíbeis para as primeiras persoas que estean presentes ás 19.30 na Maceta, onde comezará a ruta guiada polo escritor e activista social Sechu Sende.

Deste lugar poñen en valor as zonas verdes interiores, tan valoradas nunha “cidade de clima cambiante”,  antes de dirixirse á terraza do centro sociocultural da Trisca, que o festival cualifica como a “grande atalaia desde a que descubrir a confluencia histórica da capital galega coas montañas que a rodean e o val de fondo”, coa dirección do artista Javier Peñafiel.

O derradeiro espazo da edición de setembro é o museo ao aire libre de Berto Leis, “herdeiro dunha estirpe de forxadores que houbo nesta área –incluíndo a rúa das Fraguas– e que desenvolve desde hai anos en silencio unha obra persoal de evocación surrealista”, sinala a organización.

Convertido por primeira vez nun espazo susceptíbel de ser visitado, o escritor Castillo Suárez introduce o paso por “unha das xoias ocultas do país”, sostén o festival.

Comentarios