Unha visita pola exposición Alba de Gloria

Algo máis que palabras

Alba de Gloria en Bonaval
photo_camera Alba de Gloria pódese ver en Bonaval até o 3 de febreiro

Se no abrente deste día poidéramos revivir o mellor discurso nunca dado en lingua galega, camiñar paseniño a carón do seu orador mudaría a experiencia en irrepetíbel. A solemnidade que se respira en Bonaval convértese estes días en inquedanza por aprender, o silencio torna en música e o espazo normalmente baleiro acolle figuras por moito tempo esquecidas.

Despois de se faceren 70 anos da lectura no Centro Galego de Bos Aires daquel alegato galeguista titulado Alba de Gloria, un intento por achegalo ao público mestura realidade virtual coa prosa máis tradicional e os elementos da historia que conformaron o noso país. O Panteón de Galegos Ilustres, en Bonaval, alberga até o 3 de febreiro a mostra Alba de Gloria. Unha experiencia, organizada polo Consello da Cultura Galega e comisariada por Manuel Gago.

A realidade virtual permite ao espectador ou espectadora recrearse naquelas últimas palabras que Castelao pronunciou en público. Mais non nos adiantemos. Alba de Gloria é moito máis. É historia, é exilio, é unha idea de Galiza.

A rede que non cesa, paenl Alba de Gloria

O percorrido comeza con A rede que non cesa, un panel onde se recolle a correspondencia de Castelao con outros expatriados no seu incansábel labor de tecer apoios para o galeguismo. Escritores como Valentín Paz Andrade ou Ramón Otero Pedrayo intercambiaron cartas co autor de Sempre en Galiza. Entre as misivas, verbas como as enviadas a Alfredo Somoza permítennos facermos unha idea do ambiente que aqueles centros galegos vivían cada 25 de xullo: "Bos Aires, 20 de setembro de 1948. // As 300 entidades galegas de Bos Aires entran en actividade ao comezar o inverno e cesan no vrán. O inverno de aquí coincide co vrán de Galiza, que é cando alá se celebran as festas patronaes e as sociedades galegas as conmemoran no desterro, organizando xantares. baile etc. A ese xantares debo concurrir eu, que nunca me libro de pronunciar un discurso en cada banquete no que é obrigado evocar a comarca nativa, as súas grorias e desventuras, ate obrigalos a sentirse galegos e por ende, incorporados á política galeguista republicán (...)".

Na Sala das palabras, o actor Alfonso Agra dá voz a ese último Castelao, nun primeiro achegamento do espectador ao que é o texto en si. No entanto, esta non é a única disertación que se pode escoitar. Coa axuda do arquivo sonoro do Consello da Cultura, Maruxa Boga ou Francisco Fernández del Riego son tamén escoitados neste lugar. En palabras da organización da exposición, “as accións comunitarias convertéronse en exaltación da identidade a historia e a lingua de Galiza. Os discursos foron o principal vehículo de transmisión de ideas galeguistas”.

Valle Inclán e Pardo Bazán, exposición Alba de Gloria

Logo habemos de nos adentrar nun labirinto composto por 65 personaxes, a Santa compaña de inmortais. Son persoeiros de todas as épocas e clases, que para o de Rianxo constituían parte central da identidade colectiva galega. Dende trobadores medievais ata escritores modernos, pasando por Irmandiños. Imaxes de cartón pedra a tamaño real, representadas seguindo os indicios visuais ofrecidos en Alba de Gloria. Elas fican caladas, porén. A música ocupa un espazo importante. Podemos atopar lírica galego portuguesa e poemas do Rexurdimento musicados por nomes tan famosos como a Real Filharmonía de Galiza ou Uxía. Pecha o labirinto Alexandre Bóveda, "un gran galego que non figura na Santa Compaña dos inmortaes, porque non perteñece á hestoria, senón a tradición".

A última parada do percorrido chega tras as tumbas de Castelao e Rosalía. Unhas lentes de realidade virtual transpórtannos a aquel 25 de xullo de hai 70 anos. É Daniel quen nos guía a través da Santa Compaña e dos lumes nos cemiterios. A experiencia é tan inmersiva que dá ganas de tocar a cabeza de Pardo de Cela ou os ósos de Prisciliano para comprobar se de verdade están aí.

Ao sacar o casco e voltar ao mundo real, todo parece distinto. Os nosos pés están a tocar aquela Galiza coa que fantasiaban os migrantes, aquel país no que durante séculos a Santa Compaña de inmortais loitou pola nosa identidade. Dan ganas de ficar sempre en Galiza.

Comentarios