Alfonso Pato: “Cans é un festival que cae simpático”

O Festival de Cans bota a andar e até o día 25 terá lugar a edición na que se conmemora o seu décimo aniversario. Desde os inicios, Alfonso Pato, veciño desta aldea do concello do Porriño, está á fronte do encontro do audiovisual con máis agroglamour

Alfonso Pato (foto Rafa Costas)
photo_camera Alfonso Pato (foto Rafa Costas)

-Hai uns meses ninguén daría un patacón porque o festival fose para adiante...

Somos especialistas no funambulismo cultural. Hai dous meses estabamos derrotados, e agora na rampla de lanzamento, para conmemorar os dez anos do proxecto. Cada ano traballamos por ampliar recursos propios e patrocinios privados, porque o apoio da administración reduciuse. As institucións teñen responsabilidades sobre a cultura e nós asumimos funcións como a dinamización do mundo rural ou a promoción de novos creadores, que tiñan que ser apoiadas.

-Cal foi o segredo para que o Festival de Cans esbourase no fenómeno que é agora?

Conxugáronse en prol nosa unha serie de astros. A veciñanza volcouse e aos actores e directores caémoslles simpáticos. Cans é un festival que cae simpático. O público é tamén un dos grandes valores; a partir de todos estes elementos créase un clima especial. Podo contar Cans mil veces, pero a mellor maneira é vir aquí e velo. Pódelle cambiar a perspectiva a calquera. Aglutina todo tipo de xente. Tanto estás pola mañá cun ferreiro coma pola tarde con Isabel Coixet. Esa amálgama que une en función do cine, e tamén da música, é o que nos fai, non o mellor, pero si o máis distinto dos festivais.

"Podo contar Cans mil veces, pero a mellor maneira é vir aquí e velo. Pódelle cambiar a perspectiva a calquera".

-Cans ten un vocabulario propio, que cómpre coñecer antes de se achegar ao festival. Chimpibús, os baixos, o can de pedra... Como é a xeografía e a escenografía do festival?

Fóronse creando espazos míticos, coma o Galiñeiro, polo que pasaron Iván Ferreiro, Anxo Pintos ou Coque Malla. Está o Torreiro das estrelas, o can de pedra, a leira de Alicia ou o Jalpón Friki, para un universo propio e diferente; lugares pouco comúns para un proxecto deste tipo. Deuse unha “reconversión” de adegas, alpendres ou canastros, cunha intención singular, tanto en espazos coma nos propios contidos do festival, ao primar, desde o comezo, as producións propias. Sempre pensamos que a identidade e o efecto diferenciador eran un valor, e non un lastre. Cans é un territorio máxico no que pasan cousas, desde xuntanzas de músicos a proxectos novos que xorden.

-Como vive a veciñanza esta invasión de público e famoseo?

Ao principio con desconcerto, mais, cando se desenvolve a primeira edición e vén pasar pola súa casa, pola súa adega, personaxes tan populares como Morris, Camila Bossa ou Ernesto Chao, que coñecían pola televisión, a percepción cambia. Tiñan un aspecto afastado, mais a proximidade contribuíu a lexitimar o festival. Agora moitos deles son xa amigos que veñen e teñen relación coa xente de distintas casas. Eu xa nin coñezo a metade das cousas que pasan aquí! Créase un clima moi bonito. Antes nas casas facíanse as grandes comidas nas festas patronais, e agora, no festival.

"Quen veña a Cans pode traer tacón de agulla, mais debe saber que vai pisar bosta como todo o mundo. Cómpre vir disposto a trotar".

-E que pensan de vostede, que é de aquí e tivo a singular idea de poñer Cans no mapa dos festivais audiovisuais?

Venme como un veciño máis; unha persoa de aquí. Podo deixar de dirixir o festival, mais ser de Cans é para sempre. Síntome apreciado. Vou polos camiños e, cando atopo alguén, penso que lle podo pedir. Acabo de pedir unha retabuladora para cortar madeira, antes unha desbrozadora, hoxe uns puntos de soldadura a un ferreiro, estou sempre asaltando a todo o mundo! Desde o cura que cambia o horario de misas, e déixanos o local parroquial para almacén, ata todo o dispositivo que se monta -porque se corta unha estrada- colabora na organización. Hai veciños que coñezo máis desde que se celebra o festival. Cans únenos máis.

-O festival acuñou o termo “agroglamour”, en que consiste?

Foi un titular que deu un xornalista na segunda edición. Quedamos sorprendidos e vimos que funcionaba tan ben que o collemos de lema. Dez anos de aglogamour. Quen veña a Cans pode traer tacón de agulla, mais debe saber que vai pisar bosta como todo o mundo. Cómpre vir disposto a trotar. Nesta época do ano hai moito labradío e o esterco deixa a súa marca: non cheira precisamente a perfume! Quen se achegue ao Festival pode facer un programa propio de música, cine ou mesmo botarse debaixo dunha viña.

-Aquí concéntranse todos os personaxes do mundo do audiovisual. Como valora esta xuntanza anual?

Comezaron vindo como famosos e agora asisten como público, mesturándose con todo o mundo. Por aquí pasa Carlos Blanco, Luís Tosar, Mabel Ribera ou Luís Zahera, e séntense cómodos. Nin se paga nin hai photocall. Para min é unha felicidade que Cans sexa tamén un encontro de profesionais, con directores e produtores, e mesmo que xere un volume de negocios. Aquí coñecéronse un director e o que sería o autor da súa banda sonora, como aconteceu co Apóstolo. Inerrelaciónanse e nacen novas ideas. Nesta edición veñen novos directores presentar os seus proxectos e eu sei que van xurdir cousas, chispas novas.

"Por aquí pasa Carlos Blanco, Luís Tosar, Mabel Ribera ou Luís Zahera, e séntense cómodos. Nin se paga nin hai photocall".

-Toda a singularidade que rodea o Festival de Cans non pode ocultar o programa de audiovisual que ofrece. Que destacaría da oferta cultural?

Ao comezo en Madrid víannos como frikis, mais nós aproveitamos tamén iso para saír nos telexornais, e estamos a coller esa enerxía para demostrar que hai contidos bos feitos aquí. Estreamos obras e demos a coñecer profesionais que gañaron premios e están facendo novos proxectos. Quique Otero, Fernando Cortizo, Mario Otero... xente que pasou por aquí coas súas curtametraxes. Sentes que o festival é útil para a cultura, para os cineastas e para os creadores. Este ano estréase Somos gente honrada, protagonizada por Miguel de Lira e Morris e producida por Vaca Films e Buenafuente. Zarauza vai estrear Encallados, arredor do Prestige, e nós agradecemos que se presten a traer aquí os seus filmes. A xente quere Cans.

-Teñen até un Trivial de Cans. Imaxino que vostede saberá todas as respostas. Por exemplo, cal foi o guerrilleiro antifranquista que andou por estas terras?

Esa seina! O Fresco, que disparaba a cen metros e quitábache un pitillo da boca, que contaba a miña  avoa. Mais non vaias pensar. Posibelmente non gañara no Trivial! Acontéceme coma a Charlot, que din que quedou de quinto nun concurso dos seus imitadores.

Entrevista tirada do número 46 de Sermos Galiza

Comentarios