Alexandra Murguía: a presenza invisíbel

Alexandra Murguía naceu o 12 de maio de 1859. Morreu o 22 de marzo de 1937. Ao día seguinte, 23 de marzo, o xornal El Compostelano, entre outros, daba conta da súa morte. Non morrera Alexandra Murguía, falecera a filla do “documentado historiador don Manuel Murguía y de la inspirada poetisa Rosalía Castro”.

Murguía e Rosalía
photo_camera Alexandra, de pé á dereita, en 1883-1884

Foi esta unha das poucas ocasións en que a prensa se interesou por Alexandra Murguía, malia os méritos propios que acumulaba para aparecer impreso o seu nome. 

Se cadra a primeira vez que aparece é en xuño de 1881, cando tiña 22 anos e xa é considerada unha pintora á que lle aparecen imitadoras. Gaceta de Galicia, nunha reportaxe sobre a pintura en Galiza, cita a pintora Teresa Bouchet Blanco como “digna émula de Alejandra Murguía y de Carmen Babiano”. Pór ao mesmo nivel Alexandra Murguía e Carmen Babiano, 7 anos máis vella, extraordinariamente culta, coñecedora de varios idiomas, e unha das primeiras artistas en destacar na Galiza do século XIX (a pesar de se retirar, publicamente, da pintura cando casa, en 1882, con apenas 30 anos) supón valorar moi alto a pintura e as cualidades de Alexandra Murguía. Cabe salientar que entre 1879 e 1881 estas dúas mulleres estiveran unidas pola colaboración artística mantida coa revista La Ilustración Gallega y Asturiana, editada en Madrid e cuxa cabeceira, nese ano de 1879, fora deseñada por Alexandra Murguía.

Despois desas primeiras aparicións non voltamos topar co nome de Alexandra até o 18 de xullo de 1885, 3 días após morrer Rosalía. El Ciclón, periódico satírico: sopla todos los sábados, faise eco dunha carta que lle envía Alexandra Murguía solicitando que, por vontade expresa da finada, desistan de publicar o retrato de súa nai, cousa que o periódico fai.


Pasan os anos e non é até 1913 que de novo o nome de Alexandra sae brevemente á luz. É para confirmar a súa participación na recuperación da música da "Alborada", o poema de Cantares Gallegos escrito por Rosalía para unha melodía preexistente, tal como indica en nota a propia Rosalía: “A mais grande dificultade que achei pra escribir esta alborada foi o meu deseio de que saise nun todo arregrada á música. Conseguín esto, pro foi a custa da poesía; non podía ser de outro modo, cando se da cun aire tan estraño e tan dificile de acomodarlle letra algunha.

Captura de pantalla (51)

A par da sona do libro dos Cantares foi medrando a curiosidade, o interese e tamén a necesidade  de coñecer  a música que inspirara Rosalía, para poder cantar a súa Alborada. Finalmente, nun proceso que avanza parello ao desenvolvemento dos coros galegos, Perfecto Feixoo e Casto Sampedro avanzan na procura da fonte daquela peza, contando, en dúas ocasións, coa axuda de Alexandra Murguía, que canta para eles. Foi en 1912 e 1913, e Isidro Puga transcrebeu o canto, ou polo menos así o transmite a prensa. 

En 1922, na sétima lista de petitoria de Semana Santa publicada por El Ideal Gallego, aparecen as “señoritas Alejandra Murguía y hermana” cunha doazón de cincopesetas.

Xa en 1923, despois do falecemento do pai, a Xunta de Goberno da RAG diríxese ao Centro Galego da Habana para lle solicitar que a pensión vitalicia que viña satisfacendo a Murguía fose transmitida á súa filla Alexandra en atención a ser de idade sexaxenaria e a ser a única filla solteira de “aquel inmortal matrimonio”. Finalmente acordouse concederlle a metade da pensión que desfrutaba o pai, isto é, 125 pesetas mes.

Captura de pantalla (52)

Mais talvez a presenza máis polémica foi a entrevista que lle fixo V. Fernández Asís en El Orzán, publicada o 8 de novembro de 1930. Alexandra pide ao xornalista que destrúa o mito da tristeza de súa nai; móstrase moi crítica cos propietarios da casa da Matanza por quereren aproveitar o nome de Rosalía para facer negocio cun predio que antes non querían nin alugar e onde, di ela, Rosalía nunca escribiu nada pois Cantares Gallegos escribiuno en Santiago e Follas Novas na Coruña. E logo toca falar da queima dos textos. 

Finalmente, en 1937 aparece unha nota fúnebre dando conta da súa morte. Dúas ducias de palabras nuns periódicos que na cabeceira portaban o lema: Una patria: ESPAÑA. Un caudillo: FRANCO. Tiveron que pasar máis de 50 anos para que o que dixo Alexandra naquela entrevista do ano 1930, non sempre axustada á verdade histórica, comezase a importar. 

Comentarios